O BNG pide explicacións polo abatemento indiscriminado de árbores en Orillamar

O BNG pide explicacións polo abatemento indiscriminado de árbores en Orillamar

Árbore cortada en OrillamarA Coruña, 23 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG, a través da concelleira Ermitas Valencia, pídelle explicacións ao Goberno do Sr. Negreira polo abatemento indiscriminado de árbores no tramo inicial da rúa Orillamar. Nos últimos meses, advirte, máis de unha decena de árbores (entre elas, bidueiros) foron cortados desde o pé por persoal municipal. Antonte mesmo, día 21, operarios enviados polo Goberno municipal acabaron con outra árbore.

A concelleira nacionalista presentou unha batería de preguntas para a resposta escrita nas que se interesa polos motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a abater indiscriminadamente árbores cando estas non supuñan molestia ningunha nin a viandantes nin a veciñas nin a condutoras e cando presentaban un estado de conservación correcto. Tamén pregunta por que abate as árbores en vez de proceder ao seu mantemento e se ten previsto repoñer as árbiores taladas con novas especies.

Tamén nesta iniciativa, o Grupo Municipal do BNG insta o Goberno do Sr. Negreira a darlle información detallada as veciñas de Orillamar sobre o abatemento das árbores. Precisamente, a batería de preguntas presentadas pola edila nacionalista xorde a instancias de veciñas que se puxeron en contacto co BNG para lle dar a coñecer esta situación.

Por último, o Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que remate coa abatemento inxustificado de especies arbóreas no noso Concello.

 

O BNG pide explicacións polo abatemento indiscriminado de árbores en Orillamar