Inicio do curso escolar: o PP reduce profesorado e elimina a axuda para a compra de libros
A Coruña, 10 de setembro de 2014. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia que hoxe comezou un novo curso escolar no que o Partido Popular reduce o profesorado e elimina da axuda para a compra de libros o material escolar, ocasionando, desta maneira, que moitas crianzas non dispoñan deste por verse, as súas familias, imposibilitadas para pagar este material.
Denuncian, ademais, as nacionalistas, que aínda onte, un día antes do inicio do curso, a Concellaría de Educación publicou no DOG o currículo de educación primaria e salientan que en secundaria, o PP fai desaparecer a educación para a cidadanía, materia esta que permitía traballar, entre os seus diferentes contidos, a igualdade e a prevención do machismo e da violencia de xénero, e que agora coa implantación da LOMCE elimínase porque ao PP lle parece perigoso. Tamén a LOMCE vai permitir que se renoven os concertos en centros que segregan por razón de sexo ao seu alumnado, destinando fondos en detrimento do ensino público.
O BNG lembra que, máis un ano, os centros de ensino do San Francisco Xabier, cunha elevada ratio de alumnado, e Manuel Murguía seguirán sen ter patio cuberto, e que o concello continúa a reducir as partidas de obras de investimento e mantemento en educación, así como en programas educativos.