IMPULSADAS POLA NOSA PARLAMENTAR MERCEDES QUEIXAS

Iniciativas para o alumnado do CEIP Novo Mesoiro poder ir ao IES Elviña ou ao IES A Sardiñeira

Novo Mesoiro
A parlamentar do BNG Mercedes Queixas rexistrou un feixe de iniciativas –proposición non de lei, preguntas escrita e oral- para que a Xunta permita a dupla adscrición do alumnado do Centro de Ensino de Infantil e Primaria (CEIP) de Novo Mesoiro ao Instituto de Elviña e ao Instituto da Sardiñeira.
Iniciativas para o alumnado do CEIP Novo Mesoiro poder ir ao IES Elviña ou ao IES A Sardiñeira

“No BNG compartimos as demandas coincidentes entre a Asociación Veciñal de Novo Mesoiro e a comunidade educativa do IES A Sardiñeira”, remarca Queixas.

Na actualidade, o alumnado do CEIP de Novo Mesoiro, centro de recente creación, só pode matricularse no ensino secundario no Instituto de Elviña, mais este se acha ao límite da súa capacidade de acollemento de novo estudantado.

“Por iso moitas familias de Novo Mesoiro”, explica Queixas, “amosan interese en matricular as súas filas e fillos no IES A Sardiñeira, un instituto que si dispón dunha oferta ampla de prazas vacantes”.

Deste xeito, as iniciativas do BNG perseguen dous obxectivos: o primeiro, que o Goberno Galego permita esa dupla adscrición e segundo, que desde a Xunta se autorice unha nova liña de autobús –ou alternativamente a adaptación do itinerario dos traxectos actuais- para conectar adecuadamente o Novo Mesoiro co IES A Sardiñeira, de modo a facilitar a fixación do alumnado dese barrio na matrícula do instituto.

 

Iniciativas para o alumnado do CEIP Novo Mesoiro poder ir ao IES Elviña ou ao IES A Sardiñeira