O BNG saúda a creación do Consello Municipal da Cultura, mais anuncia achegas no que resta de tramitación
“O Consello Municipal da Cultura é unha demanda do sector cultural da nosa cidade e tamén do Pleno da Corporación, que en novembro de 2020 deu luz verde a mocións nese sentido do BNG e da Marea Atlántica”, subliña Avia Veira.
Á súa creación déuselle tamén impulso nunha reunión da Comisión de Seguimento do Acordo de Investidura entre os grupos municipais do BNG e do PSOE, realizada en xaneiro de 2021.
Mais a partir dese momento o BNG “foi excluído do acordo político e da tramitación que se levou até agora” conducente á creación deste órgano, censura Avia Veira, quen hoxe participou en representación da formación nacionalista na Comisión de Facenda. “O Goberno Local ten a opción de rectificar e ter en conta agora as nosas propostas e achegas nos seguintes pasos a dar”, indica.
Fundación Luís Seoane e Instituto José Cornide
Nunha primeira análise do regulamento –a máis demorada fica para o Pleno do vindeiro venres-, ao BNG parécelle que as funcións do Consello Municipal da Cultura son “moi xenéricas” e que cumpriría encomendarlle ao seu Pleno “tarefas máis específicas”.
De resto, no Pleno do futuro Consello Municipal Veira bota de menos “a presenza de institucións culturais que pensamos que deben ter voz propia”, tales como a Fundación Luís Seoane e o Instituto José Cornide.
“Elaboraremos as nosas propostas de mellora e formularémolas por escrito no trámite oportuno”, anuncia a concelleira nacionalista, para quen “só cun Consello Municipal da Cultura rico en composición e en funcións acadaremos o diálogo e a utilidade que demanda o sector cultural da nosa cidade”.