TRIBUTO NO CAMPO DA RATA AOS SINDICALISTAS FUSILADOS POR ORGANIZAREN UNHA FOLGA CONTRA O GOLPE FASCISTA DO 36
A impresionante dignidade dos 8 obreiros de Brens
Norberto Recamán, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto, Perfecto Trasmonte, Jesús Chouza, Florentino Canosa, Manuel García e Domingo López foron executados, no Polvorín de Durmideiras, polos fascistas polo seu compromiso republicano e demócrata e pola súa entrega tamén á causa da mellora das condicións de vida das clases traballadoras.
“Queremos tamén estender este tributo a Mercedes Romero Abella, mestre republicana asasinada en novembro de 1936, a quen este ano o BNG de Cee dedicou o Día da Galiza Mártir”, dixo Serxio Domínguez, portavoz do Bloque nese concello da Costa da Morte.
“Hai un dito que di que un pobo que esquece a súa memoria está condenado a repetila. Por iso os actos de reivindicación da memoria histórica son necesarios, para que se restitúa a dignidade das vítimas da represión fascistas e para que a famosa frase de ‘o fascismo non pasará’ continúe a ter vixencia en momentos en que o fascismo volve emerxer baixo outras formas”, acrecentou Francisco Jorquera nun acto no que tomaron parte Andrés Castro (BNG de Cee) e os militantes do BNG de Corcubión Álex López e Rafael Mouzo Lago, este último alcalde da vila durante o período 1997-2003.