JORQUERA PIDE QUE SE ESTUDEN TODAS AS VÍAS, INCLUÍDA A EXPROPIACIÓN
Até cando a vergoña urbanística da andamiaxe abandonada na Rúa das Donas?
Perante a inacción do Goberno Local, o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, opta por levar esta cuestión ao Pleno do vindeiro mes de setembro, en forma de rogo oral.
E é que nos atopamos fronte un serio problema de salubridade pública –a andamiaxe é neste momento un foco de sucidade e de excrementos- para a veciñanza e os negocios próximos ao número 3 da Rúa das Donas.
“A recente celebración dunha nova edición da Feira das Marabillas, e o feito de a Rúa das Donas ser un dos itinerarios de acceso máis utilizados polo público ao corazón da feira, fixo que millares de persoas, da Coruña e de fóra, fosen testemuñas directas deste foco de insalubridade e abandono e que mesmo da Cidade Vella fose neses días noticia por algo tan lamentábel en distintos medios de comunicación”, refire Jorquera na exposición de motivos desta iniciativa. “Este Goberno Municipal non parece saber dar coa fórmula para acabar co problema”, remarca o voceiro nacionalista.
O rogo oral reza así: “Que o Goberno Municipal, a través da área correspondente, faga todo o que estea na súa man para garantir o dereito á salubridade e á hixiene da veciñanza e dos negocios da rúa das Donas e do conxunto da Cidade Vella”.
Pero realmente que está a facer o Goberno Local? De acordo cunha resposta a unha pregunta formulada por Jorquera en febreiro pasado –que se achega-, o Concello estaría a estudar “alternativas que ofrece a Lei de Rehabilitación de Galiza” ante os “incumprimentos reiterados” por parte do propietario do inmóbel –unha sociedade mercantil- das súas obrigas de conservación do edificio.
“O Concello requiriu a propiedade o cumprimento da obrigación de conservación do inmóbel ou da súa rehabilitación até en 12 ocasións e impuxéronse 7 multas coercitivas. O propietario segue sen cumprir o ordenado”, di o Goberno Local, quen anota que, aínda que coñece o nome do administrador da sociedade mercantil propietaria, non foi quen até o de agora –e leva intentándoo varios anos- de o localizar para lle notificar persoalmente os requirimentos.
“Non é de recibo tanta lentitude na resolución deste problema. Que se abran outras vías, entre elas, se for preciso, a da expropiación”, urxe Jorquera.
A vía da expropiación ante incumprimentos de ordes de execución aparece na Ordenanza de Conservación e Rehabilitación de Inmóbeis, cuxa aprobación definitiva tivo lugar no pleno do pasado mes de marzo. No seu artigo 34, e no capítulo de Medidas por Incumprimento, consígnase que o Concello, alén da imposición de multas coercitivas, poderá decretar a aplicación do réxime da expropiación, venda ou substitución forzosa.