UN CENTO DE PERSOAS RÉNDENLLE UN EMOTIVO TRIBUTO Á SÚA MEMORIA EN SANTO AMARO
Os ideais de Pedro Galán Calvete, máis vivos que nunca
Por volta dun cento de persoas reuníronse no cemiterio de Santo Amaro para renderen esta mañá un emotivo tributo á memoria de Pedro Galán Calvete, un mozo nacionalista que viviu de acordo cos seus ideais e que foi asasinado polos fascistas en setembro de 1936 cando apenas tiña 19 anos.
O acto -que foi presentado pola presidenta da asociación cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo- comezou cunha ofrenda floral no sepulcro de Pedro Galán por parte dos seus familiares. Houbo música, da man do gaiteiro Moncho do Orzán, e un discurso, trufado de referencias históricas e literarias (de Uxío Novoneyra a Aurelio Aguirre), a cargo do escritor e ex deputado do BNPG-PSG Lois Diéguez.
Diéguez caracterizou Pedro Galán como o que foi, un mozo moi culto e activo socialmente, fundador das Mocedades Galeguistas da Coruña e do Clube do Mar de Santo Amaro, comprometido desde moi novo coas ideas nacionalistas, progresistas, pacifistas e anti-imperialistas. “Era, ademais, un extraordinario orador”, dixo Diéguez, quen se mostrou “moi honrado” por se fotografar a carón dun retrato do mozo de corpo enteiro.
Ese extraordinario orador participou o 11 de novembro de 1935 nun mitin no Teatro Rosalía contra a guerra que xa se albiscaba como inminente en Europa. “Sempre foi o nacionalismo galego un movemento pacifista e contrario ás guerras. Onte e hoxe”, salientou María Xosé Bravo. Naquel mitin o mozo coruñés foi o único en empregar a nosa lingua.
Diéguez louvou a enorme precocidade non só de Pedro Galán, senón tamén dos militantes que impulsaron o nacionalismo nas primeiras décadas do século XX. “Sempre tendemos a pensar que os membros da Xeración Nós eran persoas maduras. Pois non, era xente moza”, remarcou.
“A mocidade é parte fundamental do nacionalismo, de calquera revolución. Aqueles mozos non tiveron ao seu carón vellos dos que aprender e recibir algunha memoria. Hoxe si, hoxe as mozas nacionalistas si teñen canda si persoas de idade avanzada que lles poden servir dalgunha referencia”, reflexionou.
O canto do himno galego puxo fin ao acto, no que estiveron presentes o portavoz do BNG e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, a concelleira Avia Veira e a parlamentar Mercedes Queixas.