FRANCISCO JORQUERA, DURANTE A PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA DO BNG PARA AS ELECCIÓNS GALEGAS
"Hoxe temos unha nova Ith, Ana Pontón que representa esa nova Galiza, que se ergue e anda"
Ao pé da Torre de Hércules. Nese imponente espazo natural presentou este mércores o BNG a súa candidatura pola circunscrición coruñesa para o 12X. "Aquí, segundo a mitoloxía, Ith, filla de Breogán divisou Irlanda e encabeza a expedición até aquela illa. Galiza, érguete e anda, como en Irlanda, dicía Brañas e os vellos galeguistas. Hoxe temos unha nova Ith, Ana Pontón, que representa esa Nova Galiza, que se ergue e anda", dixo durante a súa intervención o portavoz do grupo municipal nacionalista, Francisco Jorquera.
"A crise da Covid ensinounos que esa nova Galiza é máis necesaria que nunca. Unha nova Galiza que defenda o territorio e o medio ambiente, que aposte pola investigación, por un país produtivo, cunha base económica propia", dixo Jorquera, quen enfiou a súa intervención sobre a base do lema, #UnhaNovaGaliza, co que a formación soberanista concorre á cita electoral do vindeiro 12 de xullo.
Ensínanos tamén a crise da Covid que o país debe dotarse "duns servizos públicos ben dimensionados, que sitúen a saúde e os coidados no centro das políticas públicas"-
E para avanzar cara esa nova Galiza faise imprescindíbel a mudanza politica este 12X e con tal propósito o BNG presenta unha candidatura que, remarcou Jorquera, está formada por "persoas capaces e comprometidas".
E foinas enumerando: "Ramón Fernández Mon, destacado sindicalista en Ferrolterra. Rosana Fernández Mon, persoa que sendo deputada en Madrid nos fixo sentir que si nos representaba. Con ela, como agora con Néstor Rego, Galiza tivo voz na política estatal. Mercedes Queixas. Escritora e traballadora do ensino. Referente na cidade e na cultura do noso país. Como tamén é un referente no eido da nosa música e cultura e na defensa dun rural vivo o número 2 da nosa lista, Xosé Luís Rivas 'Mini'".
"Candidatura que ademais temos a hora de que estea encabezada pola que vai ser a primeira presidenta nacionalista do noso país, Ana Pontón", concluíu a súa intervención o voceiro nacionalista.