Demandamos ao Goberno Local que reforce o persoal do 010 ante a saturación do servizo

 A concelleira do BNG Avia Veira vén de rexistrar unha pregunta por escrito ao Goberno Local en relación ás deficiencias que se teñen observado nos últimos tempos no funcionamento do 010, o servizo de atención telefónica do Concello.
Demandamos ao Goberno Local que reforce o persoal do 010 ante a saturación do servizo

"Varias cidadás e cidadáns téñennos transmitido as súas queixas polas demoras e tempos de agarda que sofren cando chaman ao 010", di a edil nacionalista. "En ocasións", relata, "esas persoas teñen estado horas ao teléfono ou teñen chamado varias veces ao número de información sen obteren resposta".

Pór arranxo a estas deficiencias tórnase máis necesario que nunca, nun momento, razoa Veira, "en que a atención á cidadanía se fai de xeito presencial só con cita previa" e nun contexto de "crecentes necesidades sociais pola crise da Covid-19".

"Após aprobarmos o Plan de Choque do Concello contra a Covid-19, téñense xerado entre as cidadás e os cidadáns moitas expectativas e, consecuentemente, moita necesidade de información. É o momento, pois, de reforzarmos o persoal que traballa para o 010", di Avia Veira, quen a través desta iniciativa interésase por saber se o Goberno Local é consciente desta situación de saturación do servizo de atención telefónica do Concelo e se está disposto a reforzalo.

 

Demandamos ao Goberno Local que reforce o persoal do 010 ante a saturación do servizo