"Houbo un intento de pechar a cuestión da ría do Burgo; o noso escepticismo estaba xustificado"
Francisco Jorquera e Avia Veira anuncian en Bruxelas, xunto a Ana Miranda, que o BNG reclamará o apoio das institucións locais e autonómica para a veciñanza e traballadores afectados polo abandono do espazo natural.
Apenas unha semana despois de que a Xunta e o Estado anunciaran con pompa unha solución para a ría do Burgo, os eurodeputados do PSOE e do PP trataron de bloquear en Bruxelas calquera iniciativa comunitaria para que Europa fiscalice o cumprimento da lexislación ambiental. “O que aconteceu onte na Comisión de Peticións, onde houbo un intento de pechar a cuestión da ría do Burgo por parte do PSOE e do PP, demostra que o noso escepticismo estaba xustificado”, manifestou esta mañá Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, nunha rolda de prensa conxunta cos representantes dos colectivos afectados, a eurodeputada Ana Miranda e a concelleira na Coruña, Avia Veira. “Xa advertimos que aquilo que se presentou non era unha solución, porque entre outras cuestións importantes depende do visto bo da Comisión Europea e porque os intereses do PP e do PSOE son outros e nada teñen que ver coa defensa da ría e das veciñas e veciños afectados”.
Jorquera insistiu en que o BNG manterase firme no apoio ás plataformas de afectados, confrarías e traballadoras e volveu afirmar que “a presión social ten efectos” polo que o BNG reclamará das institucións, empezando polas corporacións municipais da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, un pronunciamento firme en prol da rexeneración urxente da ría do Burgo e elevará a cuestión ao Parlamento galego, dado que hai indicios “que foron suficientes para que a Comisión de Petición mantivera aberto o expediente” de que o Estado español segue a incumprir a normativa e as recomendacións da Comisión Europea.