"A presión social conseguiu que Europa manteña a vixilancia sobre a rexeneración da ría do Burgo"
Francisco Jorquera e Avia Veira, cos portavoces das plataformas de defensa das rías da Coruña e Vigo.
"Pagou a pena a viaxe. Afortunadamente, a presión social, a insistencia das plataformas e o traballo de Ana Miranda no Parlamento Europeo conseguiron que as peticións das afectadas nas rías galegas continúen abertas, malia a intención do PP e do PSOE de pechalas”, dixo Francisco Jorquera ao remate da primeira xornada da misión de representantes das plataformas de defensa das rías da Coruña e Vigo e membros do BNG, que esta tarde asistiron á intervención das plataformas e da eurodeputada Ana Miranda na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo decidiu “manter abertas” as peticións para que a Comisión Europea admita a nova información e investigue as denuncias contra a actuación das autoridades españolas que achegaron hoxe as plataformas galegas. Malia que os representantes do PP, e tamén Pepe Blanco, portavoz do PSOE -a quen a presidenta da Comisión de Peticións, Cecilia Wikström, tivo que chamar a atención: “non reproduzan aquí a parodia española”, díxolle- intentaron anular as peticións, a vía europea segue aberta na defensa das rías de Vigo e do Burgo, na Coruña.
Jorquera, que estivo acompañado por Avia Veira, concelleira na Coruña, e por Tono Chouciño, concelleiro nacionalista en Culleredo, explicou que no debate “houbo dúas posicións: unha de total e absoluto apoio aos peticionarios, que foi a de Ana Miranda, e outra, a dos voceiros do PP e do PSOE que o que querían era pechar as peticións”, e incidiu: “Europa volverá instar á Xunta e ao Estado para que cumpran as súas obrigas e a rexeneración da ría do Burgo poida chegar ao seu fin”.
Diante da comisión, Ana Miranda manifestou que “desde que se emitise en 2013 o informe sobre as rías, non houbo investimentos suficientes por parte do Goberno español e da Xunta de Galicia para o saneamento integral da ría de Vigo e o dragado dos fondos da ría do Burgo”. Miranda falou de “frustración” entre as plataformas de afectados despois de 5 anos sen apenas actuacións neses espazos. Serxio Regueira, portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, e a Felipe Canosa, patrón maior da Confraría da Coruña e representante da plataforma coruñesa, insistiron nos incumprimentos da normativa comunitaria por parte do Estado español e sinalaron que se senten “desprotexidos”, en palabras de Canosa, “por iso tivemos que vir até aquí, buscando o amparo das autoridades europeas”. Na mesma liña, Regueira advertiu que “para solucionar un problema hai que recoñecer que existe, e todas as administracións en España parecen non querer admitir o problema”. Regueira agradeceu a atención do Parlamento Europeo e desexou “que nos atendan en España como nos atenderon vostedes aquí”.
Francisco Jorquera e Avia Veira, participaran mañá martes, a partir das 10.00 horas, nunha conferencia de prensa na sede do Parlamento Europeo.