ROGO DO BNG PARA O PLENO DESTE XOVES 6M
Honrar a memoria de Rafael Bárez cunha placa ou peza escultórica na rúa que leva o seu nome
Esta proposta faina o BNG en forma de rogo ao Goberno Local. No seu texto salienta Jorquera que “Rafael Bárez foi, ademais dun prestixioso avogado, un destacado activista político, comprometido na loita contra a ditadura franquista e na defensa dos dereitos das persoas traballadoras”.
Para exemplificar a súa militancia anti-fascista, lembra Jorquera que Bárez, eleito como concelleiro nas listas do Partido Comunista de Galicia nas primeiras eleccións municipais após a ditadura, foi procesado polos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, saldados co asasinato dos traballadores de Bazán Amador Rei e Daniel Niebla, medio cento de operarios feridos (16 por impactos de bala), 60 encarcerados e 54 multados. Pois ben, entre as persoas que foron condenadas a prisión figuraba Rafael Bárez, quen estivo 9 meses no antigo cárcere provincial da Coruña.
A colocación dunha escultura en memoria de Rafael Bárez contextualízaa o BNG no marco do proxecto de reurbanización e humanización da rúa que leva o seu nome.