UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O PLENO DO 13D
Hai que salvar os murais de Urbano Lugrís!
Na exposición de motivos desta iniciativa, refire Jorquera que Urbano Lugrís (1908-1973) foi un dos principais artistas plásticos coruñeses do século XX e que destacou especialmente no campo dos murais. O seu legado está presente en distintos espazos da nosa cidade.
Pois ben, varios dos seus murais, os presentes nun inmóbel do número 25 da Rúa Olmos, atópanse seriamente ameazados polo mal estado en que se acha o edificio.
O inmóbel –pese a se achar situado “nun barrio emblemático da nosa cidade como é a Pescaría e estar dentro da delimitación do ámbito do PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e Pescaría)”, remarca Jorquera- presenta unha preocupante deterioración, o que ten provocado filtracións de auga ao seu interior e, recentemente, até caídas de cascotes. “Esta última incidencia provocou unha intervención recente dos bombeiros para inspeccionar e sanear a fachada”, relata o noso voceiro.
A situación supón unha evidente “ameaza” para a integridade dos murais de Urbano Lugrís, alerta Jorquera, quen a través deste rogo urxe o Goberno Loal a que tome medidas para protexer a obra do artista e non permitir “a degradación do estado de conservación do edificio” que a acolle.