RESPOSTA DO GOBERNO GALEGO A MERCEDES QUEIXAS SOBRE OS XESTORES DA CASA ESCARIZ
Aínda a finais de 2021 a Xunta vía inactiva a Fundación Piñeiro Pose cando xa tiña un patrimonio de 39 millóns
Pois ben, esa entidade é unha fundación de interese galego e, como tal, está suxe¡ta á tutela por parte da Xunta de Galiza, en concreto da Consellaría de Política Social e Xuventude.
Por tal motivo, a deputada do BNG Mercedes Queixas dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno galego para saber, entre outras cuestións, desde cando a Fundación Legado Manuel Piñeiro Pose non presenta as súas contas á Xunta de Galiza.
A resposta do Goberno galego non deixa de ser moi curiosa. “Ata finais do ano pasado, a Consellaría de Política Social e Xuventude consideraba a Fundación Legado Manuel Piñeiro Pose como unha fundación sen actividade”, respóndelle a Xunta a Mercedes Queixas. Inactiva porque desde os anos 90 “non realizou ningunha actividade administrativa con esta Administración”, engade o Executivo galego.
Mais, apunta a parlamentar nacionalista, segundo os dados do Rexisto Mercantil, a Fundación Legado Manuel Piñeiro Pose contaba en 2019 cun patrimonio de 39 millóns de euros, 7% máis que no exercicio anterior, e con 918 mil euros de beneficios, cun incremento de 3% a respecto de 2018.
“A resposta deixa ver o desleixo da Xunta á hora de exercer a súa función de tutela. Como se pode afirmar que non lle constaba a actividade dunha fundación con ese patrimonio e eses beneficios?”, pregúntase Mercedes Queixas.
Para a parlamentar do BNG, o que se ten producido é unha “infracción reiterada” por parte da xestora do legado do filántropo da Lei de Fundacións de Interese Galego sen que a Xunta actuase en defensa da legalidade. “As respostas do Goberno non son nada claras nin convincentes. Vir agora a dicirnos que está en contacto coa fundación para pór ao día as súas contas de anos anteriores parécenos no mínimo pouco serio. Dá toda a impresión de que actúan a remolque da nosa iniciativa”, subliña a deputada nacionalista.
Sorprende tamén, xulga Queixas, que a Xunta non se pronuncie sobre o feito de os testamentarios de Piñeiro Pose estaren a obstruír o cumprimento da vontade do filántropo ao pór atrancos á incorporación da Casa Escariz ao patrimonio do Concello.
De resto, a Xunta indica que “non consta na Intervención Xeral da Comunidade Autónoma pago algún a favor desta fundación en concepto de axuda ou subvención”.