Hai máis dun ano, o BNG emprazou o alcalde a remitir ao Xulgado a documentación íntegra sobre Vendex
A Coruña, 3 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que hai máis dun ano, concretamente o 3.10.2012, emprazara o Sr. Negreira mediante un escrito a enviarlle ao Xulgado a documentación íntegra de todos os expedientes tramitados nos procedementos administrativos de outorgamento das concesións das que resultase adxudicataria algunha das sociedades do Grupo Vendex (pregos de condicións administrativas, informes técnicos municipais, actas de mesas de contratación, acordos de adxudicación...) especialmente da relativa aos servizos da ORA e da retirada de vehículos municipal. Tamén indicaba o BNG no escrito que se debería remitir toda a contabilidade das contas das concesionaria que obren en dependencias municipais.
Ademais, en aplicación dos principios de información e transparencia na xestión municipal, o Grupo Municipal do BNG puña de manifesto no escrito que toda esta documentación íntegra tamén debería darse a coñecer publicamente, razón pola que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego solicítalle que, simultaneamente á súa remisión ao Xulgado, colgue toda a documentación na propia páxina web do Concello da Coruña.
Porén, o Goberno do Sr. Negreira desoíra as peticións do BNG e, segundo anunciara a 2.10.2012 nunha nota de prensa, limitárase a enviar unha relación de todos os expedientes e contratos, co seu importe e datas de comezo e finalización, así como todas as facturas relacionadas co Grupo Vendex e non a documentación íntegra.
O PP rexeitara no pleno de outubro de 2012 unha moción do BNG para a creación dunha comisión informativa especial de investigación e inspección das concesións outorgadas ao grupo Vendex
Pola outra banda, o BNG informa de que o Goberno do Sr. Negreira tombara a moción presentada polas nacionalistas no pleno ordinario de outubro de 2012, celebrado a día 1, para a creación dunha comisión informativa especial de investigación e inspección das concesións outorgadas ao grupo Vendex.
Desde o primeiro momento en que se deu a coñecer a instrución penal deste caso, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego tense manifestado a favor de colaborar ao máximo coa xustiza caia quen caia.