O BNG pídelle ao alcalde que precise as exencións na ordenanza fiscal do IBI

O BNG pídelle ao alcalde que precise as exencións na ordenanza fiscal do IBI

XoseA Coruña, 4 de decembro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, envioulle esta mañá un escrito ao alcalde (achégase xunto á nota de prensa) sobre os bens inmóbeis susceptíbeis de exención do pago do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) co fin de que a ordenanza fiscal número 51, reguladora do IBI, precise sempre de acordo regulado na normativa estatal, as condicións substantivas e o procedemento da exención do pago do IBI dos bens aos que se refire o RDL 2/2004 de Facendas Locais no seu artigo 62.2.b. E é que a regulación da exención na citada ordenanza fiscal é realmente pobre en relación aos inmóbeis catalogados.

O BNG expón no escrito que da literalidade da norma legal se deduce, en primeiro lugar, que o requirimento de antigüidade, igual ou superior a 50 anos, debe ir acompañado da súa catalogación co grao de protección integral e que a simple inserción do inmóbel nun espazo delimitado como protexido non xera por si mesmo dereito a exención se tal ben non é obxecto de protección. Así, o nacionalista advirte no escrito de que non todos aqueles bens inmóbeis que figuren como catalogados no planeamento (xeral ou especial) poden gozar da exención, xa que para isto teñen que figurar expresamente catalogados como bens cun nivel de protección integral.

O BNG dá conta dos bens inmóbeis susceptíbeis de quedaren exentos de pagar o IBI

No escrito, o Grupo Municipal do BNG dá conta dos bens inmóbeis que poderían estar exentos de pagar o IBI. Así, no ámbito do Plan Especial de Protección da Cidade Vella e Pescadería (PEPRI) só aqueles bens inmóbeis que aparecen no catálogo cos nivel de «protección monumental» ou con nivel de «protección integral», segundo o indicado para tales efectos polos artigos 18 e 20 da normativa urbanística deste plan especial publicado. Apunta o BNG que debe entenderse que os bens catalogados como de protección monumental tamén deben ser susceptíbeis de exención xa que o propio PEPRI de 1998 (art. 20) determina que “a normativa que regula a protección destes edificios, correspóndese coa de protección integral”.

No resto dos bens catalogados, indica o BNG, só aqueles que figuren no catálogo do PXOM aprobado definitivamente no ano 2013 con «nivel I de protección integral», segundo o indicado para tales efectos no seu artigo 4.1.24 da súa normativa urbanística. Ora ben, explica, neste ano 2013 que remata hai que estar ao catálogo de bens con nivel de protección integral do PXOM de 1998, na medida en que o devengo do IBI é o 1 de xaneiro de cada ano (art. 75.1 RDL 2/2004) e a data debe referenciarse o cumprimento dos requirimentos de exención respecto do nivel de catalogación.

Ademais, con independencia do seu nivel de catalogación tamén gozan, en principio, de dereito de exención aqueles bens inmóbeis aos que se refire o Decreto 571/1963, de 14 de marzo, é dicir, aqueles edificios de antigüidade superior aos 100 anos que conten con escudos, emblemas, pedras heráldicas, e demais pezas similares de interese histórico-artístico. Isto conforme á remisión que realiza o RDL 2/2004 ao Decreto 571/1963, a través da disposición adicional segunda da Lei 16/1985.

 

O BNG fai constar que desde o 01/01/2013 non poderán ser obxecto de exención do art. 62.2.b) do RDL 2/2004 os bens inmóbeis afectos a actividades económicas (agás que lles resulte de aplicación algún dos supostos de exención previstos na Lei 49/2002, de mecenazgo).

A ordenanza fiscal do IBI, moi pobre á hora de concretar a exención fiscal

Carril sinala no escrito que a regulación desta exención na ordenanza fiscal número 51 é realmente pobre neste concreta materia, xa que non contempla nada ao respecto. Limítase só a unha simple remisión á normativa estatal (o seu artigo 4 só indica ao respecto «Ademais dos bens inmobles do artigo 62.1 e 2 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, que aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, estarán exentos…»). Así, para evitar problemas de inseguridade xurídica a respecto de quen ten dereito ou non a exención e para evitar tamén problemas de discrecionalidade á hora de resolver administrativamente sobre a solicitude de exención fomulada polo suxeito pasivo, o portavoz do BNG salienta que o lóxico sería que nesta ordenanza fiscal se precisasen, sempre de acordo co regulado na normativa estatal de facendas locais, as condicións substantivas e procedemento da exención do pago do IBI no caso destes bens inmóbeis.

Así, a inclusión na propia Ordenanza fiscal municipal do IBI do réxime e procedemento de exención para estes bens reportaría, ademais de seguridade xurídica, a publicidade da mesma, co cal os propietarios poderían coñecer os dereitos que lle atribúe a normativa fiscal estatal desde hai bastantes anos, afirma o BNG no escrito.

O Goberno do Sr. Negreira ten a oportunidade de precisar as exencións de pago na ordenanza do IBI no pleno de decembro

Carril sinala no escrito que o Concello está a tempo de incluír as condicións substantivas e procedemento da exención do pago do IBI no caso destes bens inmóbeis para o exercicio económico 2014, tendo en conta que as ordenanzas fiscais fican pendentes de aprobación definitiva na sesión plenaria de decembro, que aínda non tivo lugar. Por esta razón, o BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a aproveitar o pleno de aprobación definitiva desta ordenanza municipal número 51 para a inclusión das citadas condicións substantivas. Deste xeito, sería posíbel a súa entrada en vigor para o 1 de xaneiro de 2014.

O BNG pídelle ao alcalde que precise as exencións na ordenanza fiscal do IBI