O BNG interésase polas demandas da comunidade escolar do CEIP Anxo da Garda
A Coruña, 2 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou unha batería de preguntas nas que se interesa polas reiteradas demandas que lle ten realizado a dirección do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda ao Goberno municipal.
As nacionalistas recollen así as demandas da dirección do centro que nunha circular remitida ás nais e pais do alumnado informa da situación actual do servizo de conserxería e do mantemento das instalacións que foron desatendidas polo Goberno municipal
As nacionalistas indican que a dirección do CEIP plurilingüe Anxo dá Garda remitiu unha circular informativa dirixida ás nais e pais do alumnado do centro na que lles traslada a situación actual do servizo de conserxería e do mantemento das instalacións. Nesta mesma circular, segundo o Bloque, a dirección do centro tamén mostraba o seu malestar pola desatención por parte do Executivo local.
Deste xeito, o BNG indica que nesta circular sinálase a falta de persoal para relevar á persoa substituta da conserxería e que esta situación repercute nun deficiente funcionamento do centro no que se refire ao control e vixilancia dos alumnos e do propio centro, recepción de chamadas telefónicas, servizo de reprografía, recepción de pais etc e de todas aquelas labores do propio servizo, e que esta substitución, incluso, hai días que non se realiza quedando sen atender completamente o servizo.
Por outra banda, as nacionalistas tamén indican que na mesma circular infórmase que a dirección do centro ten solicitado insistentemente a reparación do patio do colexio, parcialmente pechado, e que afecta á seguridade do alumnado nos días de choiva e que condiciona as actividades físicas que se realizan no mesmo.
Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno municipal por que o non atendeu as reiteradas solicitudes da dirección do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda, tanto as referidas á situación do servizo de conserxería e ao mantemento das instalacións do patio. A respecto do servizo de conserxería preguntan por que non se está cubrindo debidamente e se cre xustificado o Goberno local que haxa xornadas nas que o servizo de conserxería non é atendido e para cando cre que se poderá dar solución permanente á atención a este servizo.
Tamén as nacionalistas interésanse polas xustificacións que lle trasladou o Executivo local á dirección do centro, se o fixo, para non realizar as tarefas de mantemento do colexio, nomeadamente a reparación do patio, ante a evidente falla de seguridade do alumnado e para cando ten pensado realizar as obras do patio que demanda a dirección do centro.
Por último, o Bloque pregúntalle ao Goberno municipal se ten a intención de atender as demais demandas de reparación e mantemento das instalacións que a dirección do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda lle ten trasladado e con que prazos de execución.