COMPARECENCIA DE NÉSTOR REGO E FRANCISCO JORQUERA ANTE OS MEDIOS

Un "grupo galego forte" para defender os intereses da Coruña no Congreso

20230606_111058
Un momento da conferencia de prensa
No andar superior da Cafetaría Macondo, os portavoces do BNG no Congreso e no Concello -Néstor Rego e Francisco Jorquera, respectivamente- ofreceron unha conferencia de prensa para dar conta do traballo realizado polo Bloque no Congreso nesta lexislatura en relación á cidade e á comarca da Coruña. Jorquera remarcou a importancia que tería a consecución dun "grupo galego forte" para a defensa dos intereses coruñeses no Parlamento estatal.
Un "grupo galego forte" para defender os intereses da Coruña no Congreso

Rego e Jorquera, puxeron en valor o traballo realizado polo BNG nos últimos catro anos no Congreso “defendendo os intereses da cidade e da comarca da Coruña”. A bonificación das portaxes da AP-9 para usuarios recorrentes, a dragaxe da Ría do Burgo ou a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña son algúns dos logros da formación nacionalista durante esta lexislatura, mais avanza a necesidade de contar cun grupo galego forte que permita condicionar as políticas do Goberno do Estado e para desbloquear novas cuestións da axenda galega.

No caso da Coruña, sinalan como prioridades a condonación da débeda do porto interior, a cesión ao Concello, de balde, do cárcere e as vivendas da SAREB, a modernización das liñas ferroviarias A Coruña-Lugo e A Coruña-Ferrol, a implantación dun tren de proximidade (a aproveitar a infraestrutura xa existente), ben como a consecución dunha AP-9 galega e libre de peaxes.

As demandas da Coruña ao Goberno do Estado só virán a ser satisfeitas se "hai unha posición de firmeza desde o Concello", cousa que non houbo durante o pasado mandato. "Na campaña dixemos que un alcalde do BNG non sería nin un delegado da Xunta nin un delegado do goberno do Estado en María Pita", remarcou Jorquera.

Fai falta un goberno local firme, mais tamén "é imprescindíbel" ter "o respaldo dun grupo galego forte en Madrid", afirmou o número 1 da candidatura do BNG nas recentes eleccións municipais.

 

 

 

 

Un "grupo galego forte" para defender os intereses da Coruña no Congreso