O Goberno municipal tardou máis dun mes en dar a razón ao BNG
A Coruña, 26 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG entende que o pacto acadado entre a Marea Atlántica e o PSOE para recuperar finalmente o pagamento do 26,23% da extra de 2012 ao funcionariado, obriga estabelecida no artigo 1 do RD 10/2015, é resultado, por fin, de ter estudado amodo o seu voto particular, en contra do cal votou o Goberno local na sesión plenaria do 20 de outubro, e as súas alegacións, presentadas o 12 deste mesmo mes ao modificativo de crédito.
Veira: É unha mágoa que se tivera perdido máis dun mes en facer caso ao noso voto particular e ás nosas emendas, que xa sinalaban a obriga de pagamento da extra de 2012 ao funcionariado en cumprimento do RD 10/2015
É unha pena que o Goberno Municipal teña perdido máis dun mes en entender que as nosas propostas, que non pretendían «obstaculizar» como o propio alcalde dixo no Pleno do 20 de outubro, se correspondían cunha proposta construtiva no camiño de adecuar o Modificativo á obriga do pagamento da parte da paga extra ao funcionariado municipal derivada da aplicación do RD-L 10/2015 sinalan as nacionalistas.
As nacionalistas sinalan como positivo que se teña por fin en conta a súas alegacións e que o Goberno municipal e o PSOE acorden incluír a paga extra no modificativo
Así mesmo, o Bloque sinalou que o Real Decreto 10/2015 cuxo cumprimento se exixía no seu voto particular e nas súas emendas non mudou e que os que cambiaron de criterio foi o Goberno local e o Grupo Municipal Socialista. Os únicos responsábeis de que se fose aprobar o modificativo de crédito sen incluír a extra do funcionariado foi quen aprobou inicialmente o M1C/2015 sen ter en conta o noso voto particular e quen pretendía aprobalo definitivamente sen ter en conta tampouco as nosas alegacións, sinalou Avia Veira.
O Bloque sinala que o Real Decreto 10/2015 cuxo cumprimento se exixía nas súas propostas non mudou e que quen cambiou de criterio foi o Goberno local e o Grupo Municipal Socialista
Por outra parte o BNG lamenta que se volve a ter conta dos acordos do Goberno a través dos medios de comunicación. Nós todas as propostas que realizamos sempre llas comunicamos ao Goberno municipal por escrito. Sen embargo, as respostas ou mesmo os acordos nunca se nos comunican e temos que recorrer ao medios de comunicación para saber deles. Isto tamén indica o grao de disposición para o traballo e a actitude que está tendo o Goberno da Marea a respecto do que nós podemos aportar, conclúe Avia Veira.