O Goberno municipal suprimiu as axudas municipais @s autónom@s

O Goberno municipal suprimiu as axudas municipais @s autónom@s

A Coruña, 10 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG recibiu protestas de veciños e veciñas da cidade que veñen de sufrir, por partida dupla, a perda de dúas convocatorias de subvencións ao autoemprego. Por unha banda, o Goberno do Sr. Negreira eliminou a a convocatoria de subvencións de iniciativas municipais de emprego (IMES), que estaba dotada de 180.000 euros nos orzamentos de 2013 e que tiña como obxecto fomentar a creación de empresas e o autoemprego. E, pola outra banda, a Xunta de Galiza restrinxiu, por vez primeira, a un mes o prazo de solicitude das subvencións a autónomos e, en consecuencia, as persoas afectadas ficaron fóra da convocatoria.

As nacionalistas, que xa denunciaran no debate do primeiro modificativo de crédito a supresión desta partida de 180.000 euros para as axudas de IMES, presentaron unha batería de preguntas (achéganse xunto á nota) para que o Goberno municipal explicase os motivos polos que eliminou as axudas. Recibida a resposta ás preguntas (achégase xunto á nota), o Grupo Municipal do BNG denuncia o descaro do Goberno do Sr. Negreira, que “saca peito” da eliminación das subvencións e descarta volver convocar as axudas.

Na resposta ás preguntas das nacionalistas, o Goberno do Sr. Negreira xustifica a eliminación das subvencións a autónomos pola entrada en vigor do Real decreto lei 4/2013 de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego. Sinala o Goberno municipal que “coincide con el objeto y sujetos de la convocatoria”. Porén, nada impediría que, á marxe das axudas estatais, o Concello da Coruña mantiver as axudas municipais. De feito, a Xunta de Galiza mantivo a súas subvencións malia coincidir o obxecto e suxeitos da convocatoria.

O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira lle dea as costas ao colectivo de persoas autónomas e que xustifique eliminar unhas axudas ao emprego cando o paro subiu, no último mes, en 295 persoas e cando en setembro de 2013 se rexistraron 435 persoas paradas máis que setembro de 2012.

140.000 euros dos 180.000 euros das subvencións municipais foron destinadas a un convenio coa Cámara de Comercio que, supostamente, ía saírlle gratis ao Concello

O Grupo Municipal do BNG denuncia que 140.000 euros dos 180.000 que recollía a partida destinada ás subvencións IMES para traballadores autónomos foron destinados (a través do primeiro modificativo de crédito) a un convenio coa Cámara de Comercio que, supostamente, ía saírlle gratis ao Concello.

Este convenio coa Cámara de Comercio non só lle custa ao Concello 140.000 euros. E é que o último modificativo de crédito súmalle outros 60.000 euros ao convenio. Así, de tratarse dun convenio de balde, segundo recollía un decreto de Alcaldía asinado pola concelleira Cid a 3 de maio de 2013 (achégase xunto á nota) pasou a tratarse dun convenio que nos custa 200.000 euros para construír un viveiro de empresas de titularidade privada (cando o Goberno municipal renunciou a construír o viveiro de empresas público recollido no Urbana C para a Agra do Orzán).

A Xunta restrinxe a un mes o prazo para presentar a solicitude de subvencións

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG advirte de que a Consellaría de Traballo publicou no DOG a Orde do 19 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130822/AnuncioCA05-190813-0001_gl.html e, ao contrario que en anos anteriores, restrinxiu a un mes o prazo para a presentación de solicitudes.

Até o de agora, o prazo de presentación de subvencións alongábase até a seguinte convocatoria (no caso de que quedase orzamento dispoñíbel) ou ben até que finalizase o orzamento. Este cambio da Consellaría que dirixe a coruñesa Beatriz Mato provocou que centos de traballadores da nosa cidade ficasen sen as axudas.

 

O Goberno municipal suprimiu as axudas municipais @s autónom@s