O Goberno municipal non contrará máis traballadores para erradicar o chabolismo
A Coruña, 4 de outubro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo advirte de que o convenio aprobado esta mañá en Xunta de Goberno Local entre o Concello e a Deputación coa finalidade de regular as bases de colaboración entre as devanditas administracións para facilitar os procesos de erradicación do chabolismo ou infravivenda durante o ano 2013 non implica a contratación de ningún traballador, ao contrario do sinalado en rolda de prensa polo edil de Servizos Sociais. De feito o propio convenio, na cláusula terceira, sinala que A subscrición deste convenio por parte do Concello da Coruña non supón aportación económica algunha. Así, pídelle ao Goberno municipal que non venda fume.
Así, en vista do expediente aprobado en Xunta de Goberno Local, a concelleira nacionalista sinala que este convenio non representa a creación de ningunha unidade para traballar na erradicación do chabolismo, porque simplemente se trata de que o Concello faga o que ten a obriga de facer con persoal municipal. Realmente, os cartos que achega a Deputación son para aliviar o pago das nóminas do Concello.
Ninguén coñece o plan de erradicación do chabolismo
Sobre o plan de erradicación do chabolismo, María Xosé Bravo pregúntase os 40.000 dotados para as axudas de adquisición da vivenda foron xa executados ou aínda non. Lembra que no 2012 o Goberno municipal executou 0 euros desta mesma partida, que ascendía entón (tal e como recolle á táboa anexa) 160.000 euros.
A concelleira nacionalista faise eco do rogo oral que formulou no Pleno ordinario de xullo e prégalle ao Goberno municipal que dea a coñecer o plan de erradicación do chabolismo, se é que existe, engade, ninguén o coñece.