O Goberno municipal impide ver os expedientes do Festival Coruña e o Plano de mobilidade da Agra
A Coruña, 3 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG denuncia, máis unha vez, os atrancos que lle pon o PP no desenvolvemento do seu labor de control e fiscalización ao Goberno local e pregúntase que terá que agachar o Goberno do sr. Negreira para lle impedir ao BNG ver os expedientes do Festival Coruña Films e do Plano de mobilidade da Agra do Orzán. É que no día de hoxe o Goberno local respostoulle negativamente á solicitude feita o pasado vinte e nove de agosto.
As nacionalistas sinalan que o Goberno municipal emprega argumentos peregrinos cando nega a consulta baseando que ditos expedientes están en fase de adxudicación definitiva e impedindo, así, o acceso á información necesaria para o exercicio da labor das concelleiras. O BNG non entende a actitude escurantista e opaca cando o primeiro dos expedientes, o do servizo de programación e produción do Festival Coruña Films ano 2013, contrato negociado sen publicidade, hai unha única empresa que opta á adxudicación por 71.995 euros, Notodo Club de Selección Cultural, S.L., logo de que se desbotase a oferta de Produción e Xestión Cultural, S.L., por non acadar o limiar mínimo de puntuación técnica para continuar coa licitación (achégase dixitalizada a dilixencia de apertura económica de contratación). E cando o segundo dos expedientes, o plan de mobilidade da Agra do Orzán, tamén negociado sen publicidade, licitado por 72.000 euros, xa está adxudicado por contratación.