O Goberno municipal desconcerta co papel e co futuro de Emvsa
A Coruña, 24 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que Goberno do Sr. Negreira desconcerta co papel a desenvolver por Emvsa e co seu futuro. E é que mentres hai escasamente un mes, a memoria de xestión de Emvsa prevía un proceso de restruturación da Sociedade, considerando a posibilidade da súa absorción por parte de Emalcsa, a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a encomenda de xestión de análise, deseño e xestión do servizo de colaboración na xestión dos procedementos sancionadores por infraccións de tráfico no Concello da Coruña.
Esta encomenda aprobouse esta mañá polo Goberno municipal sen que conste expresamente no obxecto social do ente a función da xestión de multas, xa que dificilmente encaixa no obxecto social para a que se fundou a devandita empresa. Alén das dúbidas sobre que Emvsa poida asumir esta función, no expediente non figura ningún informe de Intervención a este respecto, cando si foi requirido este informe noutras encomendas a este organismo municipal.
Ademais, as nacionalistas poñen de manifesto que a motivación sobre a que se pretende xustificar esta encomenda carece de contido, xa que só sinala que se considera conveniente que Emvsa colabore en el análisis, diseño y gestión operativa de los procedimientos sancionadores por infracciones de tráfico con el fin de optimizar este servicio y que el Ayuntamiento se dote de herramientas adicionales que permitan hacer más eficaces los procesos de recaudación.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG pregúntase cales son os motivos reais que levan o Goberno municipal a aprobar esta encomenda cando hai escasamente un mes falaba da desaparición de Emvsa por absorción de Emalcsa, non vaia ser que o Goberno municipal trate de dotar de financiamento esta empresa municipal que hai un mes parecía esmorecer.