O Goberno municipal debería facer públicos de inmediato os resultados das auditorías de Nostián
A Coruña, 28 de agosto de 2013.- O Grupo municipal do BNG vén de sinalar que a situación actual que están a vivir as persoas que traballan na planta e a cidadanía é consecuencia da actuación de Albada que reciclando menos e obtendo máis beneficios opta por empeorar as condicións laborais e recortar dereitos. A solución do conflito pasa pola empresa e non polos traballadores, afirman as nacionalistas, dada que esta foi a causante da situación actual.
Alén de que cada un teña que asumir as súas responsabilidades, principalmente a empresa, o Goberno local, manifesta o BNG, debería facer xa públicos os resultados das auditorías medioambiental e económica, para saber realmente cal é a porcentaxe de reciclaxe que se está a realizar na planta.
As nacionalistas pregúntanse cales son os motivos polos que o Goberno do sr. Negreira non fai públicos os resultados das auditorías e sinala que a que espera o Goberno local para facer públicos estes datos, cando a cidadanía só coñece os datos de reciclaxe e tratamento de residuos dados pola empresa e que cuestionan os propios traballadores. O Goberno municipal, polo ben do concello e da cidadanía, debería dar a coñecer os resultados para saber que está a cumprir e que non Albada, sinalan as nacionalistas.