O BNG oponse ao crédito de 11,45 millóns que pide o Goberno municipal para agasallos a amigos

O BNG oponse ao crédito de 11,45 millóns que pide o Goberno municipal para agasallos a amigos

A Coruña, 3 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o empréstito de 11,45 millóns de euros adxudicado pola Xunta de Goberno que tivo lugar esta mañá a diferentes entidades financeiras non ten ningún sentido coa crise galopante que padece a inmensa maioría da poboación. Ademais, as nacionalistas entenden que o Goberno do Sr. Negreira demostra ser irresponsábel porque non destina os 11,45 millóns, que estaban previstos nos orzamentos municipais de 2013 aprobados co voto en contra do BNG, a proxectos que creen emprego estábel e de calidade, riqueza e retorno económico. Destínaos, pola contra, a realizar agasallos aos seus amigos: Copasa coas obras do Parrote, Cáritas co edificio Boandanza e a Compañía de Tranvías co tranvía turístico.

De feito, o Grupo Municipal do BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de endebedar o Concello para facer agasallos a quen lle convén. É o caso do millón de euros co que se financiará o capricho do Parrote como agasallo a Copasa. Lembran as nacionalistas que este millón de euros, ao igual que os 3 millóns que puxera o Concello ano pasado para os túneles do Parrote, non corresponde pagalo con cartos municipais, xa que é a Autoridade Portuaria a que debería poñer o financiamento. O ente portuario, gran beneficiado das manobras do Sr. Negreira, ten cartos de abondo como para facerlle fronte ás obras do Parrote. Sen ir máis lonxe, o Sr. Negreira perdooulle ao organismo que preside o Sr. Losada un total de 1,09 millóns de euros ao non actualizarlle o Imposto de Bens Inmobles (IBI).

As nacionalistas tampouco comparten que o Partido Popular endebede as coruñesas para poñer 235.000 euros no equipamento do edificio Boandanza, un inmoble que é propiedade de Cáritas. O Goberno do Sr. Negreira agasalla, de novo, a entidade eclesial, á que lle dá 1,44 millóns de euros dos fondos do Urbana C para rehabilitar o edificio. A estas cantidades desorbitadas coas que o PP agasalla a Cáritas súmanselles as obrigas desproporcionadas recollidas no convenio asinado entre o Concello e Cáritas. E é que o Concello non só vai rehabilitar o edificio, senón que a entidade da Igrexa terá o control das obras que alí se fagan e mesmo da actividade futura que o Concello poida desenvolver nun futuro no inmoble.

Ademais, o Grupo Municipal do BNG non comparte que o Goberno do Sr. Negreira vaia destinar parte dese crédito, en concreto 275.000 euros, na reparación do tranvía turístico, un proxecto que renuncia a facer do tranvía un medio alternativo ao vehículo privado tanto para a cidadanía como para os turistas. As nacionalistas critican que o Goberno municipal perpetúe un servizo deficitario e mais o enriquecemento da Compañía de Tranvías, que obtén, tamén por este concepto, cuantiosos beneficios das subvencións municipais polo servizo de transporte urbano.

 

O BNG oponse ao crédito de 11,45 millóns que pide o Goberno municipal para agasallos a amigos