O Goberno local volve impedirlle ao BNG o acceso á planta de Nostián
A Coruña, 11 de setembro de 2013.- O Goberno local denegou hoxe ao Grupo municipal do BNG a visita á Planta de tratamento de residuos de Nostián cunha interpretación rocambolesca dos feitos, evitando deste xeito que se coñeza cal é o estado actual, en todos os sentidos, da planta de Nostián. Desta maneira, ademais, o Goberno do sr. Negreira impide comprobar se o que di tanto a empresa como o Goberno local é certo.
Segunda vez que se impide ao Grupo municipal do BNG o acceso á planta de Nostián
O 12 de xullo de 2011, o Grupo municipal do BNG xa solicitara o acceso para comprobar a situación real do tratamento de residuos. Tendo en conta, sinalan as nacionalistas, que a día de hoxe aínda non se recibiu resposta desta solicitude, o BNG non puido acceder á planta, sendo esta a primeira vez que se lle denegou a visita.
O Goberno local, de novo, e precisamente agora, que é máis necesario que nunca coñecer a planta en persoa e in situ para saber que é o que está a pasar nela e en que situación se encontra a mesma, impide aos grupos da oposición que se poida acceder á mesma alegando a situación excepcional e anormal que hoxe vivimos como consecuencia da folga e os danos producidos polo incendio de parte das instalacións. Deste xeito o Goberno local evita que o BNG poida contrastar o que a empresa e o propio Goberno do sr. Negreira din en relación co que alí acontece.
Máis unha vez, sinalan as nacionalistas, o Goberno local, no canto de velar polos intereses xerais, pola transparencia e pola publicidade, adopta unha postura sumisa e cómplice con Albada.
Non só impide o acceso ás auditorías, senón que agora non quere quedar en evidencia polos incumprimentos de Albada, impedindo, desta maneira, o acceso á planta, afirman as nacionalistas.
Cada día que pasa confírmase que o Goberno local é refén de Albada
O Grupo municipal do BNG sinala que cada día que pasa confírmase que o Goberno local é refén de Albada e o motivo non é outro que toda vez que quedou rexeitada a revisión de oficio polo Ditame do Consello Consultivo, o Concello da Coruña debe asumir a súa responsabilidade patrimonial fronte a Albada e pagarlle os importes deixados de percibir como consecuencia do acordo da Xunta de Goberno Local do 16 de novembro de 2011 (sobre suspensión cautelar do acordo da xunta de goberno local de 8 de abril de 2011 de pagamento a Albada do 5% dos gastos xerais e do 5% do beneficio industrial).