PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA NO #PLENOFEBREIRO

O Goberno Local resta importancia á elaboración dun Plan de Saúde Pública a pesar do aumento das drogadiccións

Captura de pantalla 2024-02-01 131145
Avia Veira, durante o Pleno
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, restou importancia á elaboración dun Plan Local de Saúde Pública a pesar do aumento das drogadiccións na cidade e a pesar de que a elaboración dese programa fai parte dos compromisos asumidos polo PSOE no Acordo de Investidura pactado co BNG.
O Goberno Local resta importancia á elaboración dun Plan de Saúde Pública a pesar do aumento das drogadiccións

“Non estou tan de acordo coa redacción [constante] de plans. Ao final, o plan é pór negro sobre branco o que xa se está a traballar. Podemos ordenalo, podemos chamarlle plan, podemos licitalo, pero iso non significa que non se estea a traballar xa de forma entregada e comprometida”, dixo Neira en resposta a unha pregunta oral formulada pola concelleira do BNG, Avia Veira. Na súa réplica, Neira recoñeceu o fenómeno do aumento do consumo de droga na cidade.

“Estase a producir un aumento das drogadiccións. É un problema obxectivo que existe e non recoñecelo sería un problema a maiores”, afirmou, pola súa parte, Avia Veira.

A concelleira nacionalista detívose especialmente na situación que se vive no barrio de Monte Alto, no que ela propia mora.

O problema non se resolve, dixo en alusión ao grupo municipal do PP, “achegándose a unha concentración e facendo un papelón. Vaia papelón fixeron! Vostedes durante os 4 anos que gobernaron [2011-2015, alcaldía de Carlos Negreira] pedíanlle á oposición que non fixera populismo nin demagoxia cando se detectaba un punto de venda de droga. Iso que vostede pedían daquela que non se fixese é xusto o que están vostedes a facer agora”, criticou.

Avia Veira pide máis traballadoras e educadoras sociais e campañas de concienciación en escolas e institutos

Veira dirixiuse ao PSOE porque “vostedes ostentan responsabilidades -en relación á Delegación do Goberno” e porque “vostedes teñen que elaborar xa o Plano Local de Saúde Pública”.

E que facer perante o incremento do consumo de drogas? Pois investir en “traballadoras e traballadores, educadoras e educadores, sociais na rúa e lanzar campañas de prevención nas escolas e nos institutos”, defendeu, ao tempo que criticou a inacción neste campo quer do Goberno galego quer do estatal. “Hai moitos anos que non se fan campañas de concienciación que realmente cheguen á xente”, criticou.

Por súa parte, Neira puxo o acento en que neste campo o Concello asume competencias que non lle son propias. “A competencia que temos é a da prevención”, concluíu.

De aí precisamente que o BNG lle pedise esforzos na realización de campañas de concienciación, en especial ás dirixidas á xente nova.

 

 

 

O Goberno Local resta importancia á elaboración dun Plan de Saúde Pública a pesar do aumento das drogadiccións