QUEIXAS ANUNCIA A DERROGACIÓN DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO ("POR SER DO MONOLINGÜISMO EN CASTELÁN) E UNHA LEI DE IGUALDADE PARA O GALEGO

Encontro sobre a lingua: a mocidade quérelle ao galego!

Encontro Lingua BNG Mercedes Queixas con mozos. Campaña galegas 2024.
Encontro Lingua BNG Mercedes Queixas con mozos
O Goberno galego que a partir do 18 de febreiro liderará Ana Pontón derrogará o Decreto do Plurilingüismo -por ser un decreto do monolingüismo en castelán- para o substituír por unha Lei de Igualdade para o Galego.
Encontro sobre a lingua: a mocidade quérelle ao galego!

Así o anunciou esta tarde na Coruña Mercedes Queixas, número 2 da candidatura do BNG por A Coruña, no curso dun Encontro sobre a Lingua con xente moza organizado por Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG e no que tamén tomou parte Iria Taibo, a número 8.

“Moitas e moitos de vós contastes que entrastes na escola falando galego e saístes falando castelán. A escola non pode ser un elemento de desgaleguización”, denunciou Queixas. Os mozos que participaron no encontro partillaron as súas vivencias arredor da lingua. “Fixen tres mestrados en universidades galegas e en ningún deles recibín ningunha aula en galego”, criticou un mozo. “Faltan filmes e series en galego”, interveu unha moza. “Por vez primeira na historia o galego xa non é a lingua maioritaria no país”, engadiu outro rapaz.

Encontro Lingua BNG Mercedes Queixas con xente moza
Encontro Lingua BNG Mercedes Queixas con xente moza

“Agradecémosvos moitísimo as vosas achegas e a vosa paixón por resituar o galego onde merece estar como lingua propia do país”, dixo Queixas, quen a modo de conclusión avanzou que o próximo Goberno galego, con Ana Pontón na presidencia, outorgará ao galego un papel transversal. “A promoción da lingua atravesará toda a acción do goberno”, dixo.

Entre as medidas concretas, anunciou un plan de impulso do galego entre a mocidade e a reforma da Lei de Normalización Lingüística. “É unha norma de 1983 que xa non se aquela á realidade actual. Temos que perseguir a igualdade. Que o galego deixe de estar en inferioridade de condicións a respecto do castelán. Garantir a plena competencia lingüística das novas xeracións, quer oral quer por escrito. E pór o galego alí onde non está ou alí onde está -nos medios de comunicación, nas plataformas televisivas, nas aulas universitarias, nos xulgados- de forma moi marxinal”, concluíu.

 

Encontro sobre a lingua: a mocidade quérelle ao galego!