O Goberno local renuncia á creación de emprego ao desestimar as alegacións do BNG ao modificativo
A Coruña, 4 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de coñecer que o Goberno do Sr. Negreira desestimou as alegacións presentadas polos nacionalistas ao segundo modificativo de crédito deste ano. Tal e como lembrou esta mañá en rolda de prensa a concelleira María Xosé Bravo, o BNG reclamaba anular o suplemento de crédito de medio millón de euros para festas e o suplemento dos 262.000 euros para a Tall Ships Races, na que o PP gastou un total de 500.000 euros de toda a cidadanía, cando puido ter gastado menos da metade se eliminase os dispendios en ceas, canapés, decoración e propaganda.
"Nun contexto de brutal crise económica, con máis de 22.500 persoas que sofren o drama do paro na nosa cidade, con recortes aos empregados públicos, coa ameaza de feche en comercios, empresas e hostalaría da cidade... a prioridade non deberían ser as festas nin unha regata, a prioridade absoluta debería ser o fomento do emprego, o drama que hai detrás de cada un deses máis de 22.000 coruñeses e coruñesas que se atopan no desemprego e das súas familias", salientou Bravo. "Porén, o Goberno do Sr. Negreira renunciou ás nosas propostas para destinar os 762.000 euros destes suplementos para festas e para a Tall Ships Races a programas de fomento do emprego", engadiu.
Bravo expuxo que "xa tivemos ocasión de comprobar cales son as prioridades do PP cando, no primeiro dos modificativos aprobados no que vai de ano, o Sr. Negreira restou 120.000 euros do Plan de dinamización do comercio para llos transferir ao IMCE para festas". "E tivemos tamén ocasión de comprobar a falta de proxecto do Goberno local a través da liquidación dos orzamentos do pasado ano, dos que o Sr. Negreira deixou sen gastar 480.000 euros en cursos de formación para o emprego, 265.000 euros en promoción de emprego e de autonomía da muller ou 110.000 euros para dinamización do emprego e do comercio na Agra do Orzán", denunciou.
"Desde que Negreira é alcalde da Coruña hai 2.577 persoas máis no paro na nosa cidade e, malia estes datos, aínda se permitiu o luxo de deixar sen executar un terzo do orzamento destinado á promoción do emprego"
No que respecta ao desemprego, Bravo expuxo que "aínda coñecendo os datos do paro en Galiza no mes de agosto, temos que facer un balance moi negativo do fracaso do Goberno de Feijóo en materia de emprego". Así, a concelleira nacionalista puntualizou que "neste grave contexto que estamos a vivir non caben lecturas optimistas sobre o paro, por moito que algúns o intenten". "E é que desde o período 2009 a 2013 o paro medrou no Estado español un 10 por cento, mais en Galiza incrementouse un 23 por cento, e iso sen termos en conta o impacto da emigración", sinalou.
"E o Goberno do Sr. Negreira, máis centrado nas festas que en combater o desemprego, segue, por desgraza, o mesmo camiño que o seu amigo Feijóo", afirmou. "Desde que Negreira é alcalde da Coruña hai 2.577 persoas máis no paro na nosa cidade e, malia estes datos, aínda se permitiu o luxo de deixar sen executar un terzo do orzamento destinado á promoción do emprego", engadiu. Tamén puxo como exemplo que "nos 7 primeiros meses do ano o Goberno local licitara só unha obra pública, a dos traballos na Torre de Hércules, unha actuación coa que o Sr. Negreira tratou de xustificar a súa contribución particular ao paro, con 13 persoas despedidas".