RESPOSTA A UNHA PREGUNTA DE FRANCISCO JORQUERA

O Goberno Local recoñécelle ao BNG que o muíño de Santa Margarida precisa ser restaurado

Muíño de Santa Margarita
Muíño de Santa Margarita
“Sabemos que o muíño precisa unha restauración, coa recuperación tanto das súas aspas como doutros elementos”, responde o Goberno Local ao portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen se interesara pola cuestión por medio dunha pregunta por escrito.
O Goberno Local recoñécelle ao BNG que o muíño de Santa Margarida precisa ser restaurado

“Coñece o Goberno Municipal que o muíño ficou sen unha das súas aspas, está a piques tamén de ficar sen teito (xa que está totalmente apodrecido e cando vai vento levántanse partes do mesmo) e que ademais están rotos os vidros da xanela da parte superior?”, inquirira o voceiro nacionalista.

O Goberno Local comunícalle ao BNG que solicitou a colaboración do Servizo de Edificación “para que, por medio do contrato de asistencia técnica para a redacción de proxectos, se elabore un proxecto de restauración, o cal unha vez redactado deberá contar coa tramitación e permisos correspondentes, consonte co seu grao de catalogación”.

Cando se fará esa restauración? Non pon prazos o Goberno Local e limítase a dicir que “dependerá da dotación orzamentaria”.

A rehabilitación do muíño fará parte do Plan Director do Parque de Santa Margarida, tamén pendente de execución como sinalou Jorquera na súa iniciativa.  A este respecto, o Goberno Local di que o prazo de materialización do plan, polo que se interesaba o BNG, tamén será “en función dos orzamentos e as súas anualidades, respectando en todo momento a prelación de actuacións descritas no Plan Director.

 

 

O Goberno Local recoñécelle ao BNG que o muíño de Santa Margarida precisa ser restaurado