UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO
O Goberno Local non fai os seus deberes con Alvedro e a Xunta nin coordina nin financia

Así o entende o concelleiro do BNG David Soto, quen vén de rexistrar un feixe de preguntas por escrito ao respecto.
“Xa en outubro, diriximos unha cuestión ao Executivo coruñés. A súa resposta foi moi insatisfactoria. En 2024 o Goberno Local só conseguiu prorrogar 4 dos 6 contratos vixentes con aeroliñas e non temos noticias de novas licitacións, a pesar de que nos consta o interese de compañías do sector”, refire Soto.
Esta falta de impulso a Alvedro insírea Soto nunha política do Goberno Local en materia de turismo que se caracteriza polo “desleixo”. “A proba máis clara da inacción témola no feito de que levamos un ano sen xerente no Consorcio de Turismo”, alega.
A Xunta tampouco colabora, critica o concelleiro nacionalista. “En Asturias e Cantabria son os gobernos autonómicos os que financian os aeroportos. 31 millóns de euros destinados ao aeroporto de Oviedo desde 2016, 19 millóns ao de de Santander. Aquí, en troca, a Xunta nin coordina o sistema aeroportuario galego nin pon un só euro para aumentar o mapa de rutas”, denuncia.
Soto chama o Goberno Local a que saia da pasividade e adopte unha posición “decidida e proactiva” para lle esixir á Xunta “que faga o mesmo que outros gobernos autonómicos”