AVIA VEIRA LEVA O ASUNTO AO PLENO DO VINDEIRO XOVES 7O

O Goberno Local non atende as necesidades culturais da cidade

Avia Veira, en rolda de prensa. 13 de novembro de 2020.
Avia Veira, en rolda de prensa. 13 de novembro de 2020.
Consumido máis da metade do mandato, cómpre avaliar a situación da cultura na nosa cidade, entende o BNG, polo que a súa concelleira Avia Veira vaille formular unha pregunta oral ao Executivo coruñés a ese respecto no Pleno do vindeiro xoves 7 de outubro.
O Goberno Local non atende as necesidades culturais da cidade

A avaliación do BNG é que o Goberno Local non está a atender as necesidades culturais da cidade.

“Somos unha cidade creativa en moitos ámbito –o audiovisual, as artes escénicas e plásticas, a literatura, a música...- e a cultura na Coruña exprésase en diferentes planos –o profesional, o afeccionado, o do tecido asociativa. Dispomos tamén de boas infraestruturas municipais e públicas nas que podemos facer e expoñer as nosas creacións... Mais temos un problema nada menor: o Goberno Local non está a ser o aliado que os sectores culturais necesitan”, considera Avia Veira.

A concelleira denuncia que desde o Goberno Local non se está a establecer o necesario diálogo cos distintos axentes culturais da cidade. “E é mágoa porque ese diálogo é imprescindíbel, pero o que vemos é que está paralizada a creación do Consello Municipal de Cultura e vemos tamén que tampouco está a funcionar o Concello nin como dinamizador nin como apoio nin como facilitador do desenvolvemento cultural da nosa cidade”, engade.

Desde o BNG, argúe, vemos a cultura como “un ben de primeira necesidade e como un dereito cidadán”, mais tamén como un sector económico do que viven moitas persoas. Un sector “abandonado” pola Xunta, especialmente durante a crise pandémica. “Infelizmente, tamén está a ser abandonado polo Goberno Local, que nin sequera toma boa nota das iniciativas do BNG, varias delas aprobadas en Pleno”, acrecenta.

“Faltan iniciativas, ideas, atención, coidado e cariño cara aos axentes culturais da cidade. É por iso que queremos que no Pleno o Goberno Local faga avaliación da súa política e unha análise da situación da cultura na nosa cidade. Aínda está a tempo de rectificar no que fica de mandato”, conclúe Veira.

 

O Goberno Local non atende as necesidades culturais da cidade