PREGUNTA ORAL NO PLENO DO 2X
O Goberno Local "mirará con lupa" as deficiencias denunciadas por Avia Veira no Servizo de Socorrismo
“Dos concellos costeiros da comarca o único que non presta o servizo de socorrismo con xestión directa é o concello da Coruña. O resultado é que a empresa concesionaria ten o número mínimo de socorristas que indica o prego de condicións do contrato. Iso significa que se lle pasa algo a un socorrista a empresa xa non estaría a cumprir o prego”, denunciou Avia Veira.
“A empresa pon a disposición dos socorristas unhas motos que continuamente dan fallos”, alegou. Unha lancha “varada na área” e “persoas coordinadoras sen a formación esixida” completan o cadro.
A concelleira visitou onte A Pena, o anaco da praia de Santa Cristina que pertence ao concello da Coruña e que por tanto corresponde ao seu servizo de socorrismo. “Non teñen un posto no que resgardarse, non teñen duchas, nin botiquín, nin material de primeiros auxilios. Tampouco teñen ambú, un dispositivo para proporcionar ventilación a persoas con problemas respiratorios. En tempos de coronavirus non teñen ambú!!”, subliñou Veira.
A falta de medios humanos suficientes tense traducido en situacións límites como que por exemplo “no areal ao pé da Torre un socorrista tivo que atender un posíbel lesionado medular só coa axuda dun compañeiro”
“Por máis que o xestione unha empresa privada, este é un servizo de titularidade pública do que depende a seguridade das persoas que se bañan nas nosas praias. Interveñan e investiguen o que está a acontecer”, reclamou a concelleira.
Pola súa parte, Esther Fontán dixo que a empresa concesionaria está a cumprir “co que se lle esixiu” desde o Concello –quer no que atinxe aos medios humanos e materiais- no momento en que se fixo cargo do contrato, se ben admitiu a existencia dun “pequeno desfase no material” do que non ofreceu máis detalles.
Canto á praia de Santa Cristina, Fontán explicou que “o espazo natural que nos compete non reúne as condicións para alí pórmos unha caseta de socorrismo” e que existe un acordo co Concello de Oleiros para que “completen o servizo que temos nós alí”.