O Goberno local mellora as condicións das parcelas das promotoras e de Xestur no Ofimático
A Coruña, 17 de decembro de 2014. Segundo se desprende do informe municipal de alegacións á segunda información pública de modificación do plan parcial do sector 10 Parque Ofimático, a estimación de case a totalidade das alegacións das promotoras e de Xestur (Xunta de Galiza) na modificación do Ofimático ten o mesmo obxectivo: mellorar as condicións de ordenación das súas parcelas.
A diferenza dos veciños de Elviña, tales promotoras (Construcciones Atocha 2006, Promocións Toural, Asociación Parque Ofimático 2010, Construcciones y Promociones Riazor, Inversiones Parque Ofimático, e Urbanizadora Herculina) e Xestur saen gañando de novo con esta modificación. Sempre a demanda de tales promotoras e de Xestur, agora, entre outras cousas, hai unha ordenación máis flexíbel en materia de cambio de tipoloxía da edificación, ocupación de espazo baixo cuberta con fin residenciais, remisión a Estudos de Detalle na ordenación de volumes, realización de vós sobre fachadas, acceso a garaxes e rebaixa de rasantes.
E igualmente, como consecuencia da estimación de tales alegacións, se retoma o enlousado parcial (ou realización de cuberta) sobre o camiño de ferro, cuxa única finalidade é mellorar as parcelas propiedade de moitas de tales promotoras.