O BNG denuncia que o PEPRI está elaborado á carta dos grandes
A Coruña, 17 de decembro de 2014.- No caso dos edificios Granada e do antigo Banco Hispano Americano, no Cantón Grande, evidénciase que o PEPRI se trata dun plan urbanístico á carta para os grandes. E é que o informe de resposta ás alegacións estima as demandas feitas polos grandes titulares do solo e dos grandes patrimonios, sinaladamente no que ten a ver coas áreas urbanas renovadas.
Concretamente, as nacionalistas, salientan algún exemplo como é o caso de dous edificios do Cantón Grande, o edificio Granada e o edificio do antigo Banco Hispano Americano. No primeiro a comunidade de propietarios alega en relación co fóra de ordenación, e estímase incorporando o edificio na área urbana renovada e descatalogando o predio que na aprobación inicial do PEPRI constaba catalogado con nivel 3, características singulares estruturais. No segundo edificio, estímase parcialmente a alegación feita por Pontegadea Inmobiliaria S.L. incluíndo dito inmóbel na AUR.
As nacionalistas lembran que nestas áreas urbanas renovadas todo o que estea construído queda en situación de réxime de ordenación e autorízanse as plantas baixo rasante e as unións funcionais (agás en edificios catalogados de grao 1 e 2) e o réxime de edificación e usos é moito máis amplo que nas restantes cinco áreas. Por tanto, estes edificios van quedar ao abeiro dun ordenanza moito máis laxa e flexíbel que a correspondente á normativa zonal onde están encadrados, que é a de Pescadaría Sur.