O Goberno local malgasta nunha web sobre o Urbana C cando chega a súa etapa final
A Coruña, 19 de febreiro de 2013.- O Grupo municipal do BNG sinala, logo da presentación por parte do goberno municipal dunha nova páxina web dedicada ao proxecto Urbana-C, que non ten moito sentido unha páxina web como iniciativa de participación cando o proxecto Urbana C ten o 90 por cento do gasto xa comprometido e o cando o proxecto está na última etapa da súa execución (2007-2013). Logo de máis de dous anos de goberno, agora lémbrase o Goberno municipal de impulsar a participación, sinalan as nacionalistas. E é que tería sentido que este proceso de participación se abrise unha vez que se decidiu non seguir co desenvolvemento do proxectado, mais o Goberno reprogramou, executou durante estes dous anos e agora solicita a participación.
Só desde o autobombo do Goberno municipal pode ter sentido esta páxina web dun proxecto que, como lembran as nacionalistas, o Goberno local, coa súa reprogramación, eliminou as axudas directas a fondo perdido ao comercio, hostelaría e talleres de automoción da Agra do Orzán, o viveiro de empresas ou a construción dun centro de día público.