O BNG FORMULOU ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE URBANIZACIÓN, EN LIÑA COA VECIÑANZA
Aínda pendente a aprobación do Catálogo que debe protexer a Viaxe de Visma
Nesa segunda entrega do Catálogo en teoría debería figurar a protección dos elementos da Viaxe de Visma –a antiga rede de abastecemento de auga da cidade, cuestión pola que se interesa Avia Veira a través desta pregunta por escrito.
“En colaboración coa asociación de veciños de Ventorrillo e atendendo á súa alegación mellorarase o tratamento da arqueta no proxecto de urbanización”, afirma o Goberno Local na súa resposta.
O BNG, pola súa parte, tamén formulou alegacións ao proxecto de urbanización porque na súa configuración actual existe un vial que separa elementos da Viaxe de Visma e impide que se poda gozar dunha visión conxunta destes bens patrimoniais. Avia Veira recalca que mesmo hai un informe do arqueólogo municipal que sinala que na zona hai máis restos que cómpre salvagardar.
Coa resposta do Goberno Local na man non é posíbel precisarmos cando a segunda separata irá a Pleno. “Agardamos, en todo caso, que as nosas alegacións ao proxecto de urbanización, en liña coas formuladas pola veciñanza, sexan atendidas”, remarca Veira.
De resto, a concelleira do BNG critica a “lentitude” coa que o Goberno Local está a tramitar o asunto. “A separata número 1 do catálogo recibiu a aprobación inicial o 3 de decembro de 2020 e a definitiva, o 7 de outubro de 2021. Tivo o Goberno Local tempo máis que de abondo para ter lista xa a separata número 2”, conclúe.