O Goberno Local, incapaz de precisar cando vai o Concello a presentar a demanda pola Casa Cornide
Interpelado no Pleno ao respecto por Avia Veira, Celemín dixo en primeiro termo que “o máis axiña posíbel”, mais a seguir criticou o BNG por se interesar tan reiteradamente por este asunto.
Así, o concelleiro botou man dos seus coñecementos cinéfilos e, nunha curiosa analoxía, evocou unha escena do filme The Agony and the Ecstasy (Carol Reed, 1965) cando o Papa, interpretado por Rex Harrison, lle perguntaba unha e outra vez a Miguel Anxo Buonarroti (Charlton Heston na ficción) cando iría concluír a Capela Sixtina. “Cando a remate”, respondía invariabelmente Heston.
Buonarroti demorou catro anos en concluír a súa obra mestra. “Nós ímolo facer antes”, dixo Celemín. A brincadeira non dá agachado a escasa seriedade coa que o Goberno Local se toma o asunto de recuperar un palacete que foi en tempos sede do propio Concello e que pasou a mans da familia do ditador Franco grazas a unha operación fraudulenta orquestrada por Pedro Barrié de la Maza.
Na súa intervención, enfatizou Avia Veira que hai múltiples pronunciamentos do Pleno a prol da restitución do palacete e que o Goberno Local xa dispón dun informe xurídico suficientemente cualificado como para ir aos tribunais con todas as garantías. “É por iso que a nosa pregunta é moi concreta. Cando o Goberno Local vai formular a demanda?”, inquiriu.
Celemín limitouse a referir os distintos pasos dados polo Goberno Local desde o verán de 2019 –o encargo de varios informes, un de carácter histórico que elaboraría a UDC, outro histórico, un terceiro artístico, a redacción dun documento para solicitar a declaración do palacete como BIC...
“O seguinte paso é argumentar a reclamación que finalizará en demanda xudicial. Como ve, non paramos de traballar sobre este particular e o seguiremos facendo até conseguirmos o noso obxectivo, sabendo que o camiño será longo, arduo e difícil”, acrecentou Celemín.
Hai motivos máis que suficientes para o Concello presentar a demanda e para o facer xa.
“Primeiro, o Pleno leva anos reclamándoo grazas á iniciativa do BNG e non só neste mandato. Segundo, o Goberno Local votou a favor de que se presentase esa demanda en setembro de 2019 nunha moción do Bloque e en propostas sucesivas. E terceiro, este Goberno Local encargou un informe a tres xuristas da Universidade da Coruña, entre eles a Carlos Aymerich Cano, quen ten explicado publicamente o que se pode facer do punto de vista xurídico”, pormenorizou Avia Veira.
E, porén, o Goberno Local continúa aprazando sine die a presentación da demanda. “Que non pensen que nos van esgotar. Continuaremos a premer politicamente até que formulen a demanda”, conclúe a concelleira.