O Pleno de xuño aproba por unanimidade as tres mocións do BNG
Foi Avia Veira quen defendeu a primeira das mocións do BNG en ser debatida, unha iniciativa que tentaba comprometer o Goberno Local con medidas de apoio ás creadoras e creadores da Coruña en xeral e, en concreto, ao colectivo de persoas que se dedican profesionalmente á cultura.
Explicou a concelleira nacionalista que o sector cultural está a sofrer, alén da precariedade na que xa vivía antes da pandemia, as restricións decorrentes da aparición da Covid-19. E o malo é que infelizmente o Goberno Local, atinxido por crises cíclicas na área de Cultura, non estivo á altura das circunstancias á hora de paliar esta situación.
“Desde o BNG recollemos as demandas da plataforma Unímonos ou Afundímonos e instamos o Goberno Local a atendelas”, dixo Avia Veira, quen á vez anunciou a aceptación dunha emenda formulada polo grupo municipal do PP.
O groso das reivindicacións de Unímonos ou Afundímonos pasa por o Goberno Local elaborar canto antes (e xa estamos en xuño!) a programación cultural do verán, ben como por que se despreguen medidas de carácter estrutural que teñan como obxectivo darlle estabilidade ao sector. “Non poucas delas figuraban no Acordo de Investidura asinado en xuño de 2019 polo BNG co PSOE e en distintos pronunciamentos plenarios. Infelizmente o Goberno Local non deu cumprimento a estes compromisos”, critica Avia Veira.
“Precisamos cultura porque xera riqueza e un tecido económico con empresas e persoas que traballan nel, mais tamén porque é un factor de cohesión social e ten efectos sobre a autoestima colectiva”, subliñou a concelleira nacionalista, quen á vez esclareceu que non só urximos o Goberno Local a que se poña as pilas –con axudas concretas no Presco 2021, por exemplo-, senón que tamén pomos o foco na Xunta –a demandarlle ao Goberno galego que declare a cultura como ben de primeira necesidade- ou no Goberno do Estado –que se rebaixe o IVE cultural ao 4%, tal e como ten defendido xa no Congreso o noso deputado, Néstor Rego.
SOBRE A ÁREA METROPOLITANA E NOSTIÁN
A defensa da segunda das mocións do BNG correu a cargo do noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera.
No comezo da súa intervención, o voceiro nacionalista mostrou a solidariedade do BNG coas traballadoras e traballadores da planta de tratamento de residuos urbanos de Nostián –quen estiveron concentradas e concentrados diante do Pazo de María Pita- ao tempo que censurou a concesionaria, Albada, por ter vetado o acceso ás súas instalacións ás e aos voceiros municipais de Medio Ambiente. Veto que en ningún momento foi contestado polo Goberno Local, “a pesar de que se trata de instalacións de titularidade municipal”.
A moción tiña un duplo obxectivo: primeiro, dar impulso á constitución da Área Metropolitana –o Goberno Local non moveu un dedo desde que o Pleno de outubro de 2019 abriu formalmente o proceso de creación desta institución supra-municipal- e, segundo, garantir o futuro de Nostián.
A viabilidade de Nostián, explicou Jorquera, está posta en causa pola dinámica de descomposición que se está a verificar no Consorcio das Mariñas, coa marcha do Concello de Culleredo e o amago feito por Cambre
.
Esta desagregación dáse nun contexto marcado polo “enorme retraso” na licitación do novo contrato da planta, cuxas instalacións están a sofrer, advertiu Jorquera, unha deterioración moi preocupante. Mentres tanto, o cadro de persoal ve atacados os seus dereitos laborais ao ter caducado o convenio colectivo.
“E que está a facer a alcaldesa perante esta situación?”, perguntouse Jorquera. “É simple espectadora da atomización que se vive na comarca ou realiza algunha xestión que garanta o compromiso destes concellos coa planta de Nostián, inquiriu Jorquera, quen lle pediu a Inés Rey que exerza un liderado “para avanzar na integración metropolitana”.
En outubro de 2019, o Pleno iniciou o procedemento de creación da Área Metropolitana. 20 meses despois, constatou Jorquera, non se deu ningún paso para materializar a constitución dese novo ente.
“Inquiétanos, por tanto, que non só non se avanzase nada cara á Área Metropolitana, senón que en paralelo o modelo de xestión do Consorcio das Mariñas corra serio risco de desaparición”, remarcou finalmente Jorquera.
CONTRA O ESTABLECEMENTO DE PEAXES NAS AUTOVÍAS
A derradeira moción do BNG, á que incorporamos emendas do PP e da concelleira non adscrita Isabel Faraldo, defendeuna tamén o noso voceiro, unha iniciativa por medio da cal instábamos o Concello a que sumase a súa voz contra o establecemento de peaxes nas autovías galegas de titularidade estatal.
Jorquera argumentou que a imposición de portaxes é unha medida socialmente regresiva ao establecer "barreiras económicas" ao acceso a servizos básicos como son as infraestruturas viarias –estas deben ser financiadas a través de impostos progresivos e non por medio de taxas que non discriminan a renda das persoas usuarias-.
Alén diso, as peaxes nas autovías incrementarían a inseguridade viaria (ao desprazar a automobilistas ás estradas convencionais, onde hai un maior índice de sinistros) e representarían un atranco para o desenvolvemento económico da Galiza, dada a súa condición periférica. “Está claro que non é o mesmo o custo do transporte de Barcelona a París do que da Coruña á capital francesa. Esta medida lastraría moito a competitividade das nosas empresas”, enfatizou.
A iniciativa tamén pon o foco na Xunta da Galiza. En concreto, o BNG insta o Goberno galego a que progresivamente vaia deixando libre de peaxes a AG-55 "polo agravio que supón para as persoas residentes e para as empresas das comarcas polas que transcorre".
Na exposición de motivos desta moción, argúe Jorquera que un dos motivos que leva o Goberno do Estado a colocar peaxes nas autovías é facer caixa despois do dispendio que lle supuxo á Administración central o rescate das ruinosas autoestradas madrileñas. "Agora a factura quérennola pasar a nós", di o voceiro nacionalista.