O Goberno local deixou sen executar o 20% dos cartos destinados a cursos de formación para o emprego
A Coruña, 9 de abril de 2014.-O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia que segundo a liquidación do orzamento de gastos de 2013 o Goberno Local deixou sen executar o 20% dos cartos destinados para cursos de formación para o emprego.
E é que na partida 60.241.22619, cuxa descrición é cursos de formación para o emprego, quedou sen executar a cantidade de 181.546,63 euros. Esta partida correspóndese co desenvolvemento de formación ocupacional ofertada, de formación complementar e de reciclaxe profesional que deberían axudar a mellorar a empregabilidade de persoas demandantes de emprego.
As nacionalistas pregúntanse como poden sobrar cartos para formación cando na cidade hai nestes momentos 23.554 persoas en situación de desemprego que procuran desesperadamente un posto de traballo e que as políticas de recortes sociais e de precarización laboral do Partido Popular as están a abocar á pobreza.
Alén diso, o BNG salienta que a partida 51.232.22773 cuxa denominación é Plano de Emprego e Participación das Mulleres do programa Urbana C non se executou nin un só euro.