INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O PLENO DO 2D
O Goberno Local debe mediar entre Xunta e Estado para que se indemnice as mariscadoras da Ría do Burgo
A indemnización é precisa porque estas persoas non poderán desenvolver a súa actividade profesional mentres duraren as obras de dragaxe da Ría do Burgo.
“Afortunadamente, e despois de moitos anos de loita por parte das mariscadoras e de presión política por parte do BNG, a rexeneración da Ría do Burgo está perto de ser realidade”, afirma Jorquera.
Porén, fican sen se resolver “as compensacións ás que teñen dereito polo cesamento de actividade mentres se prolongaren os traballos de rexeneración”.
Jorquera leva o asunto ao Pleno do vindeiro xoves en forma de pregunta oral
A constatación de que goberno galego e central non fan outra cousa que pasar a pelota o un ao outro anima o BNG a levar este asunto ao Pleno do próximo xoves 2 de decembro, en forma de pregunta oral.
En esencia, o que demanda a formación nacionalista é que o Goberno Local se implique na procura dunha solución, “mediando perante a Xunta e o Goberno Central para que entre estas dúas administracións articulen unha fórmula para que se indemnice as persoas mariscadoras”.
As indemnizacións apenas ascenderían a 1,3 millóns de euros cando o orzamento total para a rexeneración da Ría do Burgo supera os 32 millóns
O teor literal da pregunta reza así: “Estaría o Goberno Municipal disposto a mediar entre a Xunta e o Goberno Central para que estas dúas administracións articulen unha fórmula en virtude da cal se indemnice as persoas mariscadoras da Ría do Burgo”.
A este respecto, remarca Jorquera que “cando o orzamento para a rexeneración da Ría do Burgo ascende a máis de 32 millóns de euros, as indemnizacións apenas representan un millón trescentos mil euros anuais”.
Nos últimos exercicios, no anterior e neste, o BNG ten formulado emendas aos orzamentos do Estado e galegos para garantiren as indemnizacións. Foron rexeitadas, quer polo PP no Parlamento galego quer polo PSOE e Unidas Podemos no Congreso dos Deputados.