PREGUNTA POR ESCRITO DE FRANCISCO JORQUERA
Vai o Goberno Local reclamar as cantidades retidas indebidamente pola Fundación Legado Piñeiro Pose?
En concreto, o BNG inquire o Goberno Local se pensa reclamar as “cantidades cobradas e retidas indebidamente” polos testamenteiros–o abade da Colexiata, os párrocos de Santa Lucía e San Nicolás- que xestionan a herdanza de Piñeiro Pose.
O diñeiro procedente das rendas dos edificios de Payo Gómez 15 e Teresa Herrera 16 tiña que ir, de acordo co testamento, ao pagamento de misas en memoria do testador (tamén ao coidado do seu sepulcro) e a financiar o funcionamento do Hospital Municipal.
Mais só existe constancia de que as rendas da Casa Escariz chegasen ao Hospital Municipal entre 1970 e 1984. Desaparecido o centro sanitario en 1985, a administración local non recibiu desde aquela altura ningunha renda.
Segundo datos publicados polos medios que toman como base estimacións da empresa especializada Axesor, os activos que manexa a Fundación Legado Manuel Piñeiro roldan os 39 millóns de euros. En 2019, últimos datos disponíbeis, esta entidade tería fechado cun beneficio de 915 mil euros e cuns ingresos de explotacións superiores a 2,6 millóns de euros. Nese ano as rendas por Payo Gómez 15 e Teresa Herrera ultrapasarían os 450 mil euros.
Os activos que manexa a Fundación Legado Manuel Piñeiro roldan os 39 millóns de euros
É obvio que, tal e como sinalou o Goberno Local durante o anterior mandato, existen unhas cantidades que foron retidas pola Fundación e que non chegaron ao Concello, único herdeiro posíbel do Hospital Municipal desaparecido en 1985.
“Contra a reclamación do Goberno Local, os albaceas argúen que non se pode dicir con certeza que o Concello sexa o herdeiro do Hospital Municipal, razoamento que carece de todo rigor tendo en conta que o centro sanitario carecía de personalidade xurídica propia e dependía para todo da administración municipal”, considera Jorquera.
De resto, o voceiro inquire o Goberno Local se mantivo conversas cos testamenteiros da Fundación Legado Piñeiro Pose e se ve posíbel alcanzar un acordo con eles. Tamén quere saber se se teñen establecidos contactos coas persoas que residen en Payo Gómez 15 e Teresa Herrera 16.
Para concluír, preguntamos que usos futuros pensa darlle o Goberno Local a estes dous edificios e en que prazos.