SOBRE O CESAMENTO DE LANZADA CALATAYUD
"O Goberno Local tenta encubrir a falta de proxecto en materia de turismo cobrándose a cabeza dunha boa profesional"
“O argumento que dá o Goberno Local para xustificar este cesamento non nos convence en absoluto”, di Jorquera. “Aducen que o fan para, a través do contrato dunha nova persoa, darlle estabilidade á Xerencia de Turismo. Mais que estabilidade e que reforzo para unha área tan importante como este pode derivarse do feito de deixar descabezada a Xerencia xusto no inicio da temporada alta de turismo e despois de meses de parón por mor da Covid-19?”, pregúntase o voceiro nacionalista.
Baixo o punto de vista do BNG, con este cesamento o Goberno Local intenta encubrir a súa “falta de criterio” e “falta de proxecto” en materia turística “cobrándose a cabeza dunha boa profesional”.
“Como non nos convencen as explicacións dadas até o de agora, imos levar este asunto ao Pleno”, avanza Jorquera, para quen o Goberno Local ten que “endereitar o rumbo” da súa política nesta área.