UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA
O Goberno Local debe levar a Pleno a revisión do plan para a Ría do Burgo, xa caducada a suspensión de licenzas
A suspensión cautelar de licenzas, acordada en Pleno en novembro de 2020, tiña como propósito, lembra Avia Veira, "repensar as previsións do PXOM de 2013 para un ámbito que abrange uns 2 mil metros de ribeira e que ten unha superficie de case 400 mil metros cadrados".
"Mais o certo é que, un ano despois, e xa caducada a suspensión de licenzas, continuamos sen saber nada dos plans do Goberno Local para este tramo da Ría do Burgo", denuncia Avia Veira, quen salienta que no informe proposta elevado ao Pleno polo Executivo coruñés se afirmaba que o seu propósito era "protexer a paisaxe e a contorna marítima".
"O BNG quere coñecer cales son os plans do Goberno Local, cando os pensa levar a Pleno e por que non aproveitou o tempo de suspensión de licenzas para levar a cabo os traballos necesarios de revisión do planeamento para este ámbito, como tería sido o desexábel", conclúe Avia Veira.