PREGUNTA POR ESCRITO DE FRANCISCO JORQUERA

Como van as negociacións coa SAREB para a cesión de vivendas ao Concello?

Palavea
Bloques en Palavea. Foto: La Opinión.

Por dúas veces o Pleno do Concello (xullo de 2020, maio de 2021) aprobou mocións do BNG para o Goberno Local negociar coa SAREB a cesión  das súas propiedades inmobiliarias na cidade á Administración local e, dese xeito, aumentar a oferta do Parque Municipal de Vivenda.

Como van as negociacións coa SAREB para a cesión de vivendas ao Concello?

Agora o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, dirixe unha pregunta por escrito ao Goberno Local para saber o grao de cumprimento desas mocións, isto é, para coñecer que resultados deron as eventuais conversas mantidas cos responsábeis do chamado banco malo, participado nun 45% polo Estado a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).

As iniciativas aprobadas polo Pleno mandataban o Goberno Local a que negociase coa SAREB por un lado a cesión ao Concello das vivendas dos bloques de EPAMAR, en Palavea, para a súa incorporación ao parque municipal e a súa transformación en vivendas sociais. Igualmente, demandaban do Executivo coruñés que xestionase perante a SAREB a cesión de inmóbeis de que esta entidade é titular na Coruña, para estes engrosaren a oferta de vivendas públicas en réxime de aluguer.

Á marxe das vivendas de Epamar, SAREB é titular de por volta de 26 inmóbeis na Coruña. No conxunto da Galiza, o banco malo ten cedido apenas 50 inmóbeis á Xunta e 12 ao Concello de Miño. É dono doutros 400 inmóbeis e a súa intención é facer caixa con eles. 

O que pretende o BNG é que os 26 da Coruña se incorporen ao Parque Municipal de Vivendas. "A demanda social é clarísima. No rexistro público de demandantes de vivendas da Xunta, hai 2.215 unidades familiares inscritas na nosa cidade, 1.137 das cales demandan aluguer", ilustra Jorquera. O aluguer na nosa cidade é o máis caro de toda Galiza, remarca, con incrementos anuais dos prezos que ás veces sobordan o 10%.

 

Como van as negociacións coa SAREB para a cesión de vivendas ao Concello?