RESPOSTA EVASIVA Á CUESTIÓN FORMULADA POR AVIA VEIRA
O Goberno Local continúa sen esclarecer cando vai licitar o novo contrato dos buses da cidade
A este respecto, a Xunta de Goberno Local decretou esta mañá a continuidade da concesión (ao ter carácter de servizo esencial a Administración pode obrigar a concesionaria a exceder o prazo do contrato) durante os próximos dous anos.
“É ben triste que teña que rexistrar unha pregunta oral o BNG para que se poña en marcha a maquinaria do Goberno Local e se chegue a declarar a continuidade do servizo”, lamentou Veira.
En todo caso, na súa resposta a concelleira de Mobilidade eludiu precisar en que momento pensa o Goberno Local licitar o novo contrato.
Non telo feito en tempo e forma constitúe unha evidente “neglixencia” política por parte do Goberno Local, denunciou Avia Veira e as consecuencias están á vista: o servizo que se presta é cada día peor e a necesaria renovación da frota non se acomete. “Os buses pasan cheos e non poden coller viaxeiras nas paradas. As e os condutores apenas poden ver polo retrovisor, da cantidade de xente que vai nos vehículos. Buses vellos con dificultades até de abrir e fechar as portas”, resumiu graficamente a concelleira do BNG.
Pola súa parte, Mercedes Queixas volveu levar a Pleno a delicada situación na que se atopa o Consorcio para a Promoción da Música, o ente que xestiona a Orquestra Sinfónica de Galiza e a Escola Municipal de Música e que afronta serias dificultades para funcionar con normalidade ao non cumprir coas súas obrigas financeiras unha Xunta de Galiza que lle debe 5,8 millóns de euros.
O portavoz do Goberno local remarcou que a Xunta de Goberno Local deu luz verde a un novo convenio co Consorcio para “case duplicar” a financiación para a Escola Municipal de Música. Un convenio que se estendería durante 2025 e 2026.
“Por fin asumen as súas obrigas. Fano a rebufo das iniciativas do BNG”, afirmou Mercedes Queixas, quen acusou o Goberno Local de desatender durante os últimos anos a xestión do Consorcio e a Xunta de ser “morosa” pola millonaria débeda coa Orquestra Sinfónica de Galiza.