RESPOSTA A UNHA PREGUNTA DE FRANCISCO JORQUERA

O Goberno Local admite que contrato de mantemento de zonas verdes dista moito de ser satisfactorio

adolfo suarez
O cumprimento xeral do contrato para o mantemento das zonas verdes coa concesionaria Althenia SL dista moito de ser satisfactorio, indica o Goberno Local en resposta a unha pregunta por escrito formulada polo portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.
O Goberno Local admite que contrato de mantemento de zonas verdes dista moito de ser satisfactorio

Inquirido ao respecto, o Goberno Local comunícalle ao BNG que xa ten iniciado o proceso de redacción dos novos pregos para contratar un novo servizo. “Estamos cos pregos dos lotes 1,2 e 3 dende o mes de novembro”, sinala o Executivo coruñés.

Jorquera dirixírase ao Goberno Local para entre outras cousas saber cantas persoas dos Centros Especiais de Emprego tiña subcontratadas a concesionaria nos lotes 1, 2 e 3 do servizo.

Os Centros Especiais de Emprego son empresas da economía social cuxo propósito é procurar postos de traballo de calidade a persoas con discapacidade.

Segundo a resposta do Goberno Local, o número de persoas subcontratadas aos Centros Especiais de Emprego oscilaría entre os 9 e os 11, que se debullarían do seguinte xeito: entre 3 e 4 traballadoras/es no lote 1 (mantemento do Parque Adolfo Suárez) e entre 6 e 7 traballadoras/es no lote 3 (Cemiterio de Feans). No lote 2 (Parque de San Diego) non habería ningunha persoa subcontratada.

Canto ao importe subcontratado por Althenia cos Centros Especiais de Emprego, polo que tamén se interesara Jorquera, respóndelle o Goberno Local que “as contías que veñen no contrato son: 209.108,34 euros por ano no lote 1; 218.123,26 por ano no lote 2 e 220.554,63 euros por ano no lote 3”.

Á hora de acometer a redacción dos novos pregos, o portavoz do BNG instaba o Executivo coruñés a que na fixación dos criterios de adxudicación primase “a calidade na prestación do servizo” sobre os factores económicos. O Goberno Local dille ao Bloque que terá en conta esa perspectiva.

O Goberno Local admite que contrato de mantemento de zonas verdes dista moito de ser satisfactorio