O Goberno do PP abriu a veda ás terrazas con pechamento estábel
A Coruña, 2 de xullo de 2014- O Goberno do Sr. Negreira xa abriu a veda ás terrazas de cerramento estábel ao conceder as primeiras licenzas para a súa instalación. Recentemente, o Grupo Municipal do BNG tivo acceso a un decreto de Alcaldía que autoriza a concesión a unha terraza desta tipoloxía.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a ordenanza reguladora da instalación de terrrazas en espazos de uso público recolle a posibilidade da instalación de terrazas de cerramento estábel, definidas como aquelas compostas por elementos fixos e móbiles, pero, en todo caso, facilmente desmontábeis, pechada no seu perímetro, en todo ou en parte, e/ou cuberta. Así mesmo, a ordenanza municipal recolle que será o servizo municipal quen autorizará este tipo de terrazas, previa valoración técnica do proxecto presentado, de acordo coas condicións específicas que se indiquen en cada suposto polos servizos técnicos municipais.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG presentou unha batería de preguntas escritas para saber o número de solicitudes recibiu o Concello a día de hoxe de terrazas de cerramento estábel, amais do número de autorizacións e de denegacións, así como o motivo das denegacións. Ademais, o BNG pregunta polas condicións específicas indicadas para cada unha delas.
O PP botou abaixo todas as alegacións do BNG á ordenanza, incluída a proposta de eliminación da instalación de terrazas con cerramento estábel
Tanto na aprobación inicial como na aprobación final da ordenanza, o Grupo Municipal do BNG indicou a arbitrariedade á que poderían dar lugar as citadas condicións para a instalación de terrazas de pechamento estábel e denunciou tamén que a ordenanza permite a instalación destas terrazas en prazas e rúas peonís. De feito, entre as alegacións presentadas polo Bloque a esta ordenanza, todas elas tombadas polo Partido Popular, atópase a eliminación das terrazas con cerramento estábel.