O Goberno corrixiu no Tribunal de Cuentas a súa postura sobre Someso tras coñecer a denuncia do BNG
A Coruña, 20 de maio de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto esta mañá, en rolda de prensa, que a rectificación da postura do Goberno do Sr. Negreira en relación coa existencia de responsabilidades contábeis no caso Someso veu motivada tras coñecer a denuncia presentada polo BNG no Tribunal de Cuentas. A razón pola que o Goberno municipal tivo que cambiar a súa postura no Tribunal de Cuentas foi ter coñecemento da acción pública de esixencia de responsabilidade contábel que o Grupo Municipal do BNG tiña presentado neste organismo, tal e como demostra a relación cronolóxica exposta por Carril na rolda de prensa:
Con todo, a pesar da súa rectificación, Carril advertiu de que o Goberno do Sr. Negreira segue omitindo o máis trascendente para non danar a Paco Vázquez: o acordo de venda ilegal do patrimonio municipal sen concurso público e os seus actos de execución. Un acordo de venda ilegal (por efectuarse sen concurso público), tal e como pon de manifesto, con toda claridade, o informe municipal de 15 de xuño de 2012. Sinalou o nacionalista que o Goberno do Sr. Negreira non dá conta disto en ningún dos escritos que lle dirixe ao Tribunal de Cuentas, sempre coa finalidade de non facerlle dano a Paco Vázquez, insistiu.
Así, Carril salientou que tanto no escrito en que o Goberno municipal pon os feitos en coñecemento do Tribunal de Cuentas como no escrito posterior en que corrixe o seu posicionamento dise que pode haber responsabilidades contábeis, mais en ningún momento menciona a clave do asunto, que, tal e como lembrou o portavoz do BNG, non está na reversión, senón no acordo de venda ilegal do patrimonio municipal. Precisamente, o acordo de venda ilegal do patrimonio municipal, que, insistiu, non figura en ningún dos escritos do Goberno do Sr. Negreira, foi denunciado polo Grupo Municipal do BNG perante o Tribunal de Cuentas.
Como está a situación actual?
No que ten a ver co eido penal, Carril sinalou que, por todo o exposto, se entende que o Goberno municipal non queira personar o Concello da Coruña, como acusación particular, no procedemento do Xulgado de Instrución número 3 da Coruña contra o ex alcalde polas súas actuacións en Someso, tal e como reclamara o Grupo Municipal do BNG na moción levada ao Pleno ordinario de maio.
No que respecta ao Tribunal de Cuentas, o portavoz nacionalista lembrou que arquivado o recurso do Goberno municipal, mentres segue adiante a denuncia do BNG.
No eido administrativo, que é o que depende do propio Goberno sen necesidade de ter que actuar noutras instancias, o Sr. Negreira non quere resolver o caso Someso, tal e como se evidencia na negativa de revisar de oficio o acordo de venda ilegal, tal e como lle solicitara o Bloque en escrito de 8 de febreiro de 2013 (achégase en anexo). Pasaron tres meses e o Goberno municipal non contestou, renunciando a actuar en Someso malia que o informe recoñece as irregularidades, engadiu.
Así, Carril advertiu de que son estas demostracións evidentes de que o Goberno municipal non quere resolver o asunto nin quere actuar, só quere utilizalo politicamente. E isto, a pesar de que, sexa no ámbito penal, do Tribunal de Cuentas ou da Administración, existe un informe municipal que pon de manifesto que houbo irregularidades en Someso, concretamente, unha venda ilegal do patrimonio municipal.
Por último, o portavoz do BNG no Concello da Coruña acusou o Goberno municipal de facer que fai, sen facer. Aludiu a cando o Goberno do Sr. Negreira puxo os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal cun escrito que nin sequera se chegou a formular tal e como estabelece a lexislación e sen especificar os feitos e sen identificar as persoas, de aí que llo tombaran. E referiuse, tamén a que o escrito presentado polo Goberno municipal perante o Tribunal de Cuentas nin identifica os feitos nin personaliza os responsábeis. Por iso, sinalou, o escrito foi arquivado polo Tribunal de Cuentas, mentres o do BNG segue a tramitarse.