O FROB ratifica o denunciado polo BNG en Pleno e negado polo PP: haberá quitas para as preferentes
A Coruña, 21 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o propio FROB (Fondo de Reestruturación Ordenaria Bancaria) ratifica o denunciado polas nacionalistas na sesión plenaria de febreiro, cando advertiron de que as persoas titulares de participacións preferentes e subordinadas se verían afectadas por quitas. De feito, o portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, xa sinalara no Pleno de febreiro que era imprescindíbel modificar a norma que permite as quitas, que é a Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito. E é que, tal e como indicara Carril, esta norma di, claramente, que as persoas acredoras, como as titulares de preferentes, deben asumir os gastos de reestruturación das entidades de crédito, mesmo antes que os contribuíntes (a cidadanía a través de impostos). É por esta razón pola que deberán asumir as quitas (perdas de valor) ou conversión obrigatoria (canxes) dos seus títulos.
Precisamente, na sesión plenaria de febreiro, as concelleiras do BNG negáronse a apoiar a moción presentada polo PP porque, ademais de non garantir a devolución íntegra dos aforros no primeiro trimestre do ano, non recollía a modificación da lei. Á petición de Carril de recoller o PP na moción a modificación da Lei 9/2012, de 14 de novembro, para que as persoas con preferentes ou subordinadas non estivesen afectadas polas quitas, o Goberno municipal respondeu negativamente e mesmo lles mentiu ás persoas estafadas. Así, o Goberno do Sr. Negreira, aseguroulles que esta lei non lles afectaba aos particulares, senón só aos investidores, unha mentira desmontada polo propio FROB e polo propio presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano.
O BNG reclamou modificar a lei que recolle as quitas (co fin de suprimilas) e garantir a devolución do 100% dos aforros no primeiro trimestre do ano, peticións rexeitadas polo PP
A modificación da Lei 9/2012, para suprimir as quitas, e a garantía da devolución do 100% dos aforros ás persoas estafadas no primeiro trimestre deste 2013 foron os requirimentos imprescindíbeis solicitados polo Grupo Municipal do BNG para darlle o apoio á moción do Partido Popular. Ao non incluír ningún destes requirimentos, as nacionalistas negáronse a apoiar a iniciativa do PP. E é que para o BNG a única solución posíbel pasa pola recuperación da totalidade dos aforros.
Na xornada de mañá, o FROB dará a coñecer canto perde cada cliente, mais estímase que a quita estará entre o 10 e o 55%. A porcentaxe dependerá de parámetros como a data de emisión da preferente ou subordinada, da súa data de vencemento, do tipo de xuro percibido... En función destes factores, a quita será maior ou menor. O que queda claro é que ademais de evidenciarse que as denuncias do Grupo Municipal do BNG son certas, evidénciase que que o Partido Popular lles mentiu ás persoas estafadas polas preferentes.